Figura antropomorfa de Reboredo

Información

Tipo: 
Elemento singular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Santiso - Santa María de Vimianzo
Situación detallada: 
Reboredo
Cronoloxía: 
Indeterminda

Coordenadas

Latitude: 
42º 53¨ 15,49´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 15,89´´ W
X: 
581.296,70
Y: 
4.748.817,67
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea de Reboredo, xusto enfronte á Casa Grande , vemos coma no peche dunha propiedade particular se integra no aparello de cachotaría unha pequena escultura ( de 40 cms de alto x 15 cms de ancho) realizada en rocha granítica.

Esta figura, de tipo antropomorfo, da que se descoñece a cronoloxía e o seu contexto histórico orixinal, presenta algunha pauta coincidente coa plástica castrexa, concretamente coas identificadas como as do tipo “cara de curuxa” que polo xeral se manifestan como rostros pouco realistas, xeralmente planos, realizados con trazos moi sinxelos, destacándose os ollos, o nariz e a boca, nunha composición a xeito de “T”. Nalgunha delas tamén se poden ver plasmadas as orellas e o cabelo. Os ollos poden estar representados mediante sinxelas perforacións ou concavidades, ou ben da maneira contraria, é dicir avultados e saltóns. O nariz acostuma partir das cellas e normalmente represéntase aplanado. A boca represéntase mediante liñas horizontais.

Mais tamén hai especialistas que desbotan a posibilidade de tratarse dunha figura encadrable na plástica castrexa, considerando que se trataría dunha produción etnográfica de raigame popular, como o ten manifestado o arqueólogo Antonio Álvarez Núñez, director das escavacións no Castro de Barán (Paradela, Lugo), nas que teñen aparecido varios exemplares de “cabezas cortadas” de produción galaico-romana.

Parafraseando a descrición que da figura fan os autores Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz, que alcuman á figura coma “Ídolo de Reboredo” vemos que se correspondería cunha “pequena figura antropomorfa cun esquema xeral en forma de 8, composto de dúas partes diferenciadas. A parte superior de forma en triángulo invertido representa un rostro ben definido. Presenta dous ollos totalmente circulares e pouco saltóns, (e no caso do esquerdo parece estar marcada a pupila), remarcados por unhas liñas tenues semicirculares en forma de cella (máis marcada no ollo dereito). A continuación das cellas parten dúas liñas en vertical debuxando un nariz, que pecha cunha liña recta ( o conxunto de ollos e nariz presentan unha composición en forma de T, característica moi común na figuración castrexa).

Baixo o nariz aparece a boca conformada por unha liña curva bastante grosa, o que suxire unha boca semiaberta.

A partir da boca prodúcese un acusado estreitamento correspondente ó pescozo da figura.

A parte inferior presenta unha forma trapezoidal, nela aparece gravado un debuxo esquemático que ofrece dúbidas interpretativas, xa que pode interpretarse como a esquematización dun corpo dun home, con dous brazos e pernas que parten dun corpo vertical (aspecto bastante estraño ó asociarse a un rostro realista, ademais de producirse unha desproporcionada diferenza entre as escalas de ambas partes). Outra posibilidade é de que se trate dunha ornamentación ou decoración dunha prenda ou adorno, colocada na parte superior dun torso ou dunha base dun busto.

Baixo ese motivo curioso aparece unha especie de resalte, que sobresae do corpo inferior uns 3 cm., que podería tratarse dun apoio ou duna peana”.

Vemos pois, como son varias as interrogantes: determinación cronolóxica, adscrición cultural, lugar de orixe pretérita, e tamén que é o que se está a representar na metade inferior da figura. Posiblemente sexan cuestións que non se darán clarificado, o que lle aporta un grao de misterio á figura.

BIBLIOGRAFÍA:

-Vázquez Neira, Cristina: “ A escultura antropomorfa de Reboredo”. Boletín 22 do Centro de Estudios Melidenses – Museo da Terra de Melide, decembro 2009.

-Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: “ A escultura antropomorfa castrexa na Terra de Melide”. Boletín 26 do Centro de Estudios Melidenses – Museo da Terra de Melide, decembro 2013.

Outros elementos do catálogo