Presa do Comendador

Presa do Comendador

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Xoán de Furelos
Situación detallada: 
Furelos
Cronoloxía: 
Sen definir

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 29,84´´ N
Lonxitude: 
7º 59´ 56,39´´ W
X: 
581.711,60
Y: 
4.751.116,40
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

En relación coa ponte medieval de Furelos e baixo a mesma atopámonos cun tramo remansado artificialmente a xeito de encoramento. Pode pasar desapercibida pero conta cunha especial significación histórica, xa que aparece recollida nas fontes documentais como "Presa del Comendador." Na ficha de inventario da web abeancos.gal aparece englobada na categoría de "Arquitectura Popular", por amoldarse a unha das clasificacións establecidas, mais o certo é que non se axusta debidamente a dita categoría senón que habería que incluíla nun epígrafe asociado a estruturas hidráulicas.

Dende a calzada da ponte e dende a pista que vai cara Piñor e Vimianzo pode verse a estrutura lineal en arco que forma a presa ou mur ode contanción de augas, que cruza en oblicuo o curso do río, facendo que os empuxes e presións das augas remansadas non arruínen a estrutura de contención en época de enchentes, unhas crecidas que son habituais en tempos de abondosa pluviosidade que mesmo chegaron a afectar severamente ós propios tallamares e esporóns da ponte medieval.

Broz Rei ten documentado en diversos traballos como a aldea de Furelos foi unha antiga encomenda de San Xoán de Portomarín, que era propiedade ou dominio da Orde de San Xoán de Xerusalén ou de Malta, orde de cabaleiría alcumada como dos Hospitalarios polo seu servizo de asistencia ós peregrinos. Como ben sostén o autor esta orde tiña presenza en Furelos e tamén "no Hospital das Seixas, e quizais no Hospital de San Pedro de Melide e no do Leboreiro que aínda non se atoparon documentados, pero non hai dúbida de que foron rexentados por eles. En Furelos tiñan a Casa da Encomenda, que hoxe é casa parroquial... tiñan tamén a presa da Encomenda, debaixo da ponte medieval, onde non se podía redar nin pescar, era como un criadeiro de troitas para o comendador".

O mesmo autor apunta que o Comendador "tiña a xurisdición espiritual, eclesiástica, civil e criminal, e pon xuíz. Había tamén cárcel e picota da xustiza nos límites con Melide". A relación de propiedades da Encomenda recóllense nun documento do ano 1793 e como todas elas referidas entre as que se inclúen os lugares de Teixín de Arriba, Teixín de Abaixo e Quintás situados na parroquia de San Cibrao, ou os lugares de Pazo, Cortiñela, Torre, Rañado, Cabanelas e Castro de Cabras e todos os montes, pastos e abrevadeiros que se atopan dentro do coto de San Cibrao, pertencían á Encomenda de Portomarín e ós seus comendadores mediante a doazón do ano 1239 realizada polo rei don Afonso (IX) e a súa muller dona Berengaria, a favor da relixión do Hospital de San Juan de Jerusalén. 

Da presa existe un documento no Arquivo Histórico Nacional de Madrid que fala das propiedades da Encomenda de Portomarín na Terra de Melide no ano 1685 e que alude a "... estanco y presa que dicha Encomienda tiene en el río de Furelos".

Respecto á estrutura da presa que mide aproximadamente 47 metros de longo, compre sinalar ademais do seu desenvolvemento en sentido oblícuo ó propio curso do río, que como xa se sinalou é un recurso moi adecuado xa non so para a "domesticación" do curso senón para evitar colapsos e desprendementos provocados no caso de producirse un incremento severo dos caudais, tamén se ve complementado e reforzado polo grande afloramento rochoso existente no propio leito do río que contribúe a reconducir as augas rebordantes. Ese afloramento a modo de illa, ó presentar unha planta triangular, facilita en boa medida a derivación en dúas ramificacións das augas evitando desprendementos na marxe norte do río. 

 

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", ano 2004.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Casa da Encomenda de Portomarín". Publicado no Boletín nº 23 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2010.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Furelos da Encomenda de Portomarín". Publicado no Boletín nº 28 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2015.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Furelos, da Encomenda de Portomarín". Publicado no Boletín nº 30 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2017.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Furelso, da Encomenda de Portomarín (continuación)". Publicado no Boletín nº 32 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2019.

Outros elementos do catálogo