Igrexa de San Paio de Paradela

Igrexa de San Paio de Paradela

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Toques - San Paio de Paradela
Situación detallada: 
Eirexe
Cronoloxía: 
Idade Moderna-Idade Contemporánea

Coordenadas

Latitude: 
42º 58´ 42,72´´ N
Lonxitude: 
7º 57´ 19,75´´ W
X: 
585.166,57
Y: 
4.758.960,13
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A parroquia de San Paio de Paradela é unha das dez fregresías existentes no termo municipal de Toques. Mais e ó mesmo tempo é unha das que contan con maior relevancia documental e histórica.

Certamente existen varias referencias documentais como a do Testamento do bispo Odoario do ano 747 na que se nomea unha “villa de Paratella cun Ecclesia Sancti Pelagi” ou tamén é de interese outra referencia recollida por Nicandro Ares na que se cita nunha doazón do Rei Afonso III á igrexa de Lugo que tivo lugar no ano 897: “in Paratella ecclesiam STI Pelagii et ipsam villam de Paratela...”, aínda que a edificación da igrexa actual é froito de reconstrucións e ampliacións acontecidas no século XIX.

Tamén é sabido que dentro da relación de propiedades do Mosteiro de San Antoíño de Toques se inclúe o lugar e o casal da igrexa de Paradela. Proba de que esta igrexa foi propiedade dese priorado é a presenza do escudo de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela, do cal dependía o cenobio de Toques. A partir do ano 1515 San Antoíño pasa a ser priorado dependente do mosteiro compostelán, polo cal é a partir desa data cando podemos ver o escudo de San Martín Pinario en casas e propiedades vinculadas con dito mosteiro.

O templo parroquial amósase como un edificio bastante elevado no que se refire ao seu alzado, e mesmo as súas dimensións tamén resultan bastante notables, para o que é a media das igrexas rurais existentes na Terra de Melide.

A igrexa artéllase en tres espazos principais: nave, presbiterio (máis elevado que a anterior) e sancristía adosada a este último pola banda norte.

O aspecto máis destacable da súa arquitectura, como ben recolle Broz Rei no libro “Santatoíño de Toques”, son os muros exteriores do presbiterio, executados en aparello de perpiaños rectangulares (sillares), e nese senso así nolo conta: “unha das características da igrexa de Paradela son os muros da ábsida, que son de sillería de pedra da tarroeira, igual que os da Capela, con sillares moi ben recortados e asentados”. O mesmo autor referíndose á reedificación conclúe que: “esta ábsida foi elevada. Construíuse tamén unha sancristía adosada a ela. Outra pequena sancristía está adosada á nave, que tamén foi ampliada [...] Estas actuacións puideron acontecer despois da desamortización, despois do ano 1836, cando queda liberada do padroado de San Antoíño de Toques, a quen pertencía, ou mellor dicir de San Martiño de Santiago”.

Do seu frontis ou fachada principal (oeste) destacar, ademais da súa considerable elevación, o emprego de elementos de cantería dispostos nos esquinais dos ángulos, na porta alintelada e no óculo situado á altura da tribuna, así como a espadana provista de dúas troneiras para campás, rematada por un ático provisto dunha troneira oca e flanqueada por senllos pináculos e coroado por unha cruz en pedra.

No lenzo meridional do presbiterio aparece integrado no seu aparello de perpiaños o escudo do Mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago (que é obxecto dunha ficha individualizada neste catálogo de abeancos.gal: elemento nº 79).

No interior destácase o arco triunfal de medio punto apoiado sobre senllas impostas molduradas que descansan sobre os machóns laterais, na transición entre a nave e a cabeceira, ademais do seu retablo principal de estilo Neoclásico do século XIX.

Resulta moi curiosa unha lenda que vincula a esta igrexa coa Capela de San Cidre situada no alto do Monte do mesmo nome, e sobre un santo que á par de labrego tamén semella ser “peregrino” ou “viaxeiro”, xa que cando se pretendía levar a imaxe ata a igrexa da parroquia, a mesma acababa regresando á Capela monte arriba.

BIBLIOGRAFÍA:

- Ares vázquez, Nicandro: “ onomástica parroquial das aldeas do Concello de Toques”. Publicado no Boletín 12 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1999.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “A nobreza da Terra de Melide (escudos de Toques)”. Publicado no Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Santantoíño de Toques”. Publicado o ano 2011.

Outros elementos do catálogo