Fonte de San Ramón de Grobas

Fonte de San Ramón de Grobas

Información

Tipo: 
Fonte
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María de Grobas
Situación detallada: 
Grobas de Abaixo
Cronoloxía: 
Sen definir

Coordenadas

Latitude: 
42º 58´ 46,33´´ N
Lonxitude: 
8º 7´0,40´´ W
X: 
572.014,14
Y: 
4.458.920,62
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A fonte de San Ramón (en honra a San Ramón Nonato), é unha fonte tradicional de arquitectura moi sinxela. Non presenta características artísticas que a fagan relevante, pero ten a súa importancia porque ten asociadas unhas propiedades avogosas para propiciar un bo parto.

Esta fonte sitúase a escasos metros, cara o oeste, dunha carballeira pechada por un valado onde estivo situada a desaparecida igrexa parroquial de Santa María de Grobas, substituída pola actual igrexa parroquial de Santiago de Baltar, edificada no ano 1926. De feito ó grupo de casas situadas en torno á fonte coñecense como "Casas da Igrexa", xa que se garda a memoria da existencia da antiga igrexa parroquial de Grobas coñecéndose perfectamente a parcela exacta na que se ubicaba dita igrexa (posiblemente o valado se corresponda co peche do adro).

A de San Ramón correspóndese cunha fonte de arqueta, que consta dun frontal de pedra de canteiría de forma rectangular e posta de canto, na que está ubicado o cano da saída da auga que verte directamente no propio rebaixe do terreo. A arqueta vai cuberta por outra lousa de xisto de feitura máis ou menos cadrangular, que vai apoiada sobre a pedra do frontal. A fonte sitúase ó pe dun talude no que medran os loureiros, unha especie arbustiva moi ligada ás fontes tradicionais.

A particularidade é que segundo a tradición popular, os homes tíñanlles que lavar os pes ás mulleres embarazadas para que o santo lles concedera un bo parto, posto que San Ramón Nonato é o santo patrono das embarazadas, matronas, partos e nenos. Comentan os veciños de Grobas que ata esta fonte, acodían moitas persoas tanto do Concello de Melide, coma do de Arzúa, para beneficiarse desta fonte milagreira. Por outra parte non se lle coñecen outro tipo de propiedades terapéuticas a estas augas.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

 

 

Outros elementos do catálogo