Capela da Santa Cruz de Furelos

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Xoán de Furelos
Situación detallada: 
Agüeiros
Cronoloxía: 
Século XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 40,77´´ N
Lonxitude: 
7º 59´ 56,08´´ W
X: 
581.714,56
Y: 
4.751.453,86
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A Capela da Santa Cruz ubicada en Furelos é unha das mostras existentes na Terra de Melide, concretamente nos concellos de Melide e de Santiso, que son lembranza das misións populares predicadas polos P.P. Pasionistas de Melide, congregación que tivo presenza no noso concello dende o ano 1909 ata 2011.

Co gallo desa labor de apostolado popular e devocional fóronse erguendo pequenas capelas conmemorativas onde se venera a Santa Cruz. Trátanse de edificacións sinxelas, de planta cadrada ou rectangular, cubertas a dúas augas e carentes de fachada frontal, e que non se ven obrigadas a manter os canons orientativos propios dos templos de culto, cuxo altar se sitúa no leste e a entrada polo oeste. Así pois vemos como esta capela que nos ocupa, está orientada no eixo norte-sur.

A Capela de Furelos presenta unhas dimensións duns 8 metros no eixo N-S e duns 7 metros no eixo L-O.

Construtivamente foi realizada en aparello de cachotaría presentando senllos vanos a xeito de ventás polas bandas leste e oeste.

A entrada, situada no lado meridional, foi obxecto de melloras mal entendidas, que na procura de conferirlle unha maior monumentalidade, o que se fixo foi modificar e alterar a tipoloxía propia deste tipo de capelas nas que prima a sinxeleza e a funcionalidade respecto á fastuosidade da arquitectura, toda vez que o elemento clave a enfatizar é o propio elemento de culto que nelas se venera, a Santa Cruz. Como refire Broz Rei: “esta capela foi construída nos comezos do século XX. A cruz de madeira é obra de Manuel Vázquez Ferreiro, veciño de Furelos e lego pasionista”. Tamén refire como tradicionalmente se facía procesión dende a igrexa parroquial de Furelos ata a Capela, na propia festividade da Santa cruz, o día 3 de maio.

Como elementos de ornamentación da Santa Cruz, conta cun bo número de atributos da paixón: tres cravos, cartela en forma de pergameo enrolado co acrónimo INRI, tenaces, lanza en forma de alabarda, pértiga con esponxa, coroa de espiñas en cuxo centro aparece un corazón cunha cruz superposta (símbolos da Congregación Pasionista), escada, martelo, cáliz coa sagrada forma, galo, columna, caveira e tíbias entrecruzadas.

Refire Broz Rei como “en algunhas faise ese día a subasta das línguas e outras ofrendas máis que os devotos ofrendaron. Póñense tamén nas terras as cruces de oliveira bendita polo domingo de Pascua, e ándase a leira darredor ó tempo que se reza e se bota auga bendita cun ramallo de loureiro”.

No termo municipal de Melide, ademais da de Furelos, hai capelas da Santa Cruz nas Conchadas de Santalla de Agrón e na carballeira de Santa María de Grobas.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Capelas da Santa Cruz”. Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Melide”. Publicado no Boletín nº 9 do centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

Outros elementos do catálogo