Camiño Real - Tramo A Xandraga- A Rata

Camiño Real - Tramo  A Xandraga- A Rata

Información

Tipo: 
Camiños antigos
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Xiao de Zas de Rei
Situación detallada: 
A Xandraga (Zas de Rei) - A Rata (Xubial)
Cronoloxía: 
Idade Media/Moderna

Coordenadas

Latitude: 
42º 57´ 0,71´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 55,10´´ W
X: 
577.606,64
Y: 
4.755.723,44
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Vídeo

Descrición

Sobre o antigo Camiño Real que comunicaba Ourense coa Coruña, que como sostén Miguel Ares Rúa “transitaba entre as comarcas de Ourense e Ribadavia -ao sur do noso país- e as da Coruña e Betanzos. Tamén chamado ‘camiño dos Arrieiros’, ‘Camiño Vello’ ou ‘Camiño antigo’, este entraba nas terras baixas de Santiso polo lugar chamado da Ponte da Cornella.

No termo municipal de Santiso o camiño conta con diversas variables, mais no de Melide a partir da propia vila, o trazado semella optar por unha única variable, relativamente ben conservada, entre A Xandraga (Zas de Rei) e A Rata (Xubial). Este camiño aparece ben documentado sendo camiño de camiñantes e carruaxes previo á execución da estrada N-547 no ano 1867, durante o reinado da Raíña Isabel II, do que aínda que mudou nalgúns tramos e se ensanchou en moitos outros, aínda conserva notables pontes erixidas neses anos do século XIX, como son a Ponte Nova de Arcediago sobre o Ulla ou as de Moldes e Trasmundi sobre o Catasol. Mais un dos tramos mellor conservados e documentados é o existente entre as entidades anteriormente reseñadas.

Aínda que para cruzar o río Catasol cando se fai a estrada, se constrúe a ponte de Trasmundi (que non hai moitos anos foi aumentada debido ás obras de ensanchamento da estrada). Sen embargo, cando o Camiño Real estaba en funcionamento, ó paso sobre o río realizábase nun vao ou porto de pouca fondura existente preto de Trasmundi, onde aínda se conservan uns pasais de pedra discontínuos e moi toscos, actualmente escasamente visibles, debido á acumulación de fangos e area de río nese punto do vao. Estes pasais de Trasmundi sitúanse a unha distancia de 400m ó SSO da ponte do mesmo nome e sobre a que discorre a estrada AC-540.

Despois de cruzar o vao fluvial á altura dos pasais e subindo polo camiño en dirección NO chegamos á aldea de a Xandraga, a unha distancia de 500 m despois de cruzar o río. Na Xandraga atopámonos, á dereita do camiño, cun carballo de gran porte, un dos meirandes existentes no termo municipal de Melide. A continuación e seguindo dirección N, chegamos ata o Real Vello, un topónimo que xa nos fala do paso tradicional do Camiño Real.

Broz Rei recolle diversas testemuñas orais nas que se da conta da tradición do camiño de arrieiros ó paso por estas aldeas, así pois unha delas refire que: “téñolle oído á miña nai que cando viñan os coches de cabalos polo camiño, o cabalo que viña diante traía unha choca, que xa se escoitaba ó lonxe para que a xente e os carros deixaran paso no camiño”.

Outras informacións relatan como “lembro eu carros de cabalos e ir á feira a Melide co toxo. Ir pola carretera nova e volver por dentro... era a carretera vella... de antes de facer a nova... claro que logo a xente vai botando os valos para adiante e collendo terreo e mermando o camiño... como fixeron en varios sitios”.

Continuando igualmente en dirección Norte dende o Real Vello, chegamos ata a aldea da Torriña, lugar de orixe dunha popular banda de música da que perviven fotos, instrumentos e moitas lembranzas. Entre esta aldea e a da Rata mantense o mellor treito de arborado autóctono (fundamentalmente carballos), que flanquean o Camiño Real. Mais a medio camiño, a unha distancia de 360 m dende a Torriña, atopámonos cun desvío a man esquerda que leva ata aldea de Vilouriz, onde a tradición, ou mellor dito, a lenda recollida e novelada por Benito Vicetto na súa obra “Rojín Roján”, sostén que “inmediatos a esta villa, y en el lugar de Vilouriz, aún existen hoy los negros y abatidos escombros del castillo de Zas de Rei, cuyo nombre toma la parroquia. Este castillo de sólidos y robustos murallones, fue destinado por el rey Don Alfonso para tener en buen recaudo a su hermano Don García I de Galicia, teniendo en la villa de Mellid más de cien lanzas y doscientos ballesteros castellanos y leoneses para defenderlo de alguna tentativa que hicieran sus escasos partidarios con objeto de librarlo de la prisión”. Pasado o desvío de Vilouriz, a uns 280 m en dirección NNO, chegamos ata unha encrucillada que comunica a estrada AC-540 coa parroquia de Maceda e coa de Orois.

Pasada dita encrucillada a 525 m chegamos ata a aldea de A Rata, onde aparece unha mesta carballeira entre o camiño e as casas da aldea situadas a man esquerda do camiño. E a continuación xa nos atopamos á nosa esquerda Campo das Matanzas, unha paraxe na que se atopou un torques de ouro de xeito casual por un labrego no ano 1861, e que se custodia na sede da Real Academia da Historia de Madrid. E en paralelo ó achado a tradición refire unha batalla contra os mouros e a derrota do caudillo árabe Melik no ano 813.

A partir de aí o camiño continúa cara a aldea de Paredes situada no termo municipal de Boimorto, mais ese treito xa aparece moi alterado debido ás pistas da parcelaria e polas repoboacións forestais de eucalipto, unha especie de repoboación que lle está comendo terreo ó carballo. Nese senso compre indicar que nun traballo de Xosé Manuel Broz do ano 2011, sobre o Camiño Real, recolle que neste treito aquí tratado, contabilizábanse un total de 517 carballos “moitos deles vellos, medianos ou novos retoños dos antigos. Non se contaron os castiñeiros, que hai abondo nin outras árbores. Despois da aldea de A Rata fóronse substituíndo por eucaliptos, pero de Paredes en diante, xa vimos ringleiras de máis carballos á beira do camiño”.

Na actualidade, no ano 2021, xa quedan moitos menos carballos deses 517 contabilizados dez anos atrás, debido a talas máis ou menos severas e selectivas e pola habitual tendencia por substituír o arborado autóctono polo de repoboación de rápido crecemento. Resulta no fondo, unha perda da esencia do Camiño Real, que como relata Broz “quizais sexan os moitos carballos que se conservan ás beiras un dos principais valores, pois hai algún tramo onde as súas polas fan bóveda e noutros vese a antigüidade, os son fillos dos carballos antigos; outros foron cortados, pero todo o conxunto fai que sexa o camiño con máis carballos ás beiras, mostra de que era costume plantalos para a sombra do viaxeiro, ou por mor de limitalo. Na Xandraga hai un carballo que ten uns 60 cm de diámetro, quizais o máis grande da comarca”.

BIBLIOGRAFÍA:

 - Ares Rúa, Miguel: “O Camiño Real ou camiño dos Arrieiros de Santiso”. Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Melide”. Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “O Camiño Real de Melide á Coruña”. Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Santiso na Terra de Abeancos”. Publicado no ano 2013.

- Ladra Fernándes, Xosé Lois: “O torques do Agro da Matanza”. Publicado no Boletín nº 12 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1999.

Outros elementos do catálogo