Fonte dos Catro Canos ou do Pilón

Fonte dos Catro Canos ou do Pilón

Información

Tipo: 
Fonte
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Melide
Situación detallada: 
Rúa do Convento, Melide
Cronoloxía: 
Século XVIII

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 50,62´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 53,75´´ W
X: 
580.403,51
Y: 
4.751.742,17

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

O ano 1889 supuxo un fito moi importante na vila de Melide, posto que foi nesa data cando o concello instala as primeiras fontes públicas, sendo o alcalde Don Antonio Ron Varela. Estas primeiras fontes públicas serían a da Praza do Convento e esta do Pilón, situada no cruce das estradas. Antes dese ano, os veciños de Melide tiñan que botar man de pozos públicos e privados, ou de fontes situadas fora do casco urbán propiamente dito (Fonte do Castro nos Tagarros ou a Fonte de Sabián).

A Fonte do Pilón trátase dunha fonte monumental da que se dixo sempre que a súa ubicación orixinal sería un dos claustros do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, desamortizado no ano 1836.

Esta fonte consta dun pilón de pranta circular, de aí o nome, no que verten os catro canos da fonte. Estes canos saen das bocas de catro leóns, cunhas cabezas que están mirando ao fronte. Entre as cabezas dos leóns dispóñense volutas a modo de decoración, que se completa asemade, polos gallóns situados baixo as mesmas. Sobre este corpo temos, na actualidade colocado un fuste, que orixinalmente estaba situado por debaixo do corpo dos leóns, pero foi modificada a colocación no ano 1964, posto que estando os canos máis altos, salpicaban moito por culpa do vento. Son moi abundantes as fotos antigas que amosan a súa disposición orixinal.

Este fuste presenta un deseño moi estilizado con decoración vexetal, en cuxos extremos se dispoñen basamento e capitel moldurados, realizados os tres elementos nunha soa peza. Sobre o fuste na actualidade podemos ver un pináculo de coroamento con remate en bola.

Antigamente, cando non había abastecemento público nas casas, había que facer longas colas para coller auga na fonte en sellas de zinc. 

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Vila de Melide", ano 2016.

 

Outros elementos do catálogo