Capela de Roiriz

Capela de Roiriz

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Regular
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Xiao de Zas de Rei
Situación detallada: 
Roiriz
Cronoloxía: 
Século XVIII

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 58,42´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 43,21´´ W
X: 
577.898,00
Y: 
4.753,804,81
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A 80 metros ó suroeste da Casa de Pardo de Roiriz, sitúase na marxe dunha masa de arborado autóctono, no que é frecuente a presenza de loureiros, magnolios e mesmo tamén unha oliveira centenaria de porte impresionante, as ruínas da Capela de Roiriz na que se veneraba á Virxe do Carme.

Hoxe o estado de abandono e deterioro da Capela é moi acusado, posto que xa perdeu a cuberta e están as súas paredes e interior invadidos pola vexetación arbustiva, especialmente silvas e hedras.

Trátase dunha pequena capela de planta rectangular que mide 6,10 metros en sentido norte-sur e 5,40 metros en sentido leste-oeste.

As paredes son de cachotaría enlucida, tanto no exterior coma no interior, que acadan unha altura de 3,50 mt ata o cumio e un grosor de 70 cm. Presenta unha única porta alintelada aberta cara ó norte e unha pequena xanela no lado leste.

No seu interior aínda se conservan escasos restos da estrutura do retablo, na actualidade moi estragado. O retablo da Capela baseándonos nunha fotografía antiga, era de estilo Neoclásico, contaba cun único corpo asentado sobre unha predela ou altar e estaba coroado por un ático en forma de frontón triangular. No corpo central e único había un camarín coroado por arco de medio punto que acollía unha imaxe da Virxe do Carme e dito camarín ou fornela estaba flanqueado por dous pares de columnas de basa moldurada ática, fustes lisos con éntase central e capiteis corintios que sustentaban un entablamento con molduras casetonadas, e sobre o mesmo ó ático, en cuxo campo central se dispoñía un escudo de armas, posiblemente da Casa de Roiriz. Mágoa que este pequeno e proporcionado retablo quedara seriamente danado por consecuencia do abandono e derrube da cuberta da Capela, en cuxo interior só hai entullos e vexetación.

Segundo investigacións realizadas por Xosé Manuel Broz consultando o Libro de Fábrica de Zas de Rei (f. 123), esta capela foi construída no ano 1779 por Don Ventura Varela de Sotomayor, señor da Casa de Roiriz, concedéndolle ó cura párroco de Zas de Rei o privilexio de bendecila e celebrar misa nela. Como refire Don Antonio Taboada Roca "casado con Doña María Varela filla do escribano Domingos Vázquez Varela e Doña Prácida de Nóvoa, donos da Casa de Mirce"; "Don Ventura Varela, foi un fidalgo moi documentado, como o proban os seus libros de anotacións. Figuran neles as historias d´esta casa e da de Porto de Bois. O derradeiro da súa xenealoxía dí: todos pr. la derivación y subcesión de sus Matrimonios fueron poseedores y llevadores de esta Casa y Lugar de Roiriz...".

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide", publicado no Boletín nº 8 do Centro de  Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.

- Taboada Roca, Antón: "Notas históricas", capítulo 3º do "Terra de Melide". Seminario de  Estudios Galegos, ano 1933.

- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Memoria do patrimonio desaparecido da Terra de Melide, parte 1ª", publicado no blog do Museo da Terra de Melide, ano 2016.

-  Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Memoria do patrimonio desaparecido da Terra de Melide, parte 4ª", publicado no blog do Museo da Terra de Melide, ano 2017.

Outros elementos do catálogo