Igrexa de Santiago de Xubial

Igrexa de Santiago de Xubial

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - Santiago de Xubial
Situación detallada: 
Eirexe, Santiago de Xubial, Melide
Cronoloxía: 
Século XVII- XVIII

Coordenadas

Latitude: 
42ª 57´ 74,88´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 47,71´´ W
X: 
577.757,61
Y: 
4.757.180,27
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Este templo de Santiago de Xubial, correspóndese cunha das máis sobranceiras igrexas parroquiais, edificadas na Idade Moderna da Terra de Melide, posto que á par do uso relixioso asociado á freguesía, tamén estivo vinculado xa dende o século XVII, co servizo votivo e funerario da familia Saavedra propietaria do veciño Pazo de Tarrío. Dese xeito asistimos a un dos poucos exemplos  na Comarca da Terra de Melide, nos que se conxuga unha funcionalidade parroquial cunha propiamente de culto privado vinculado a unha linaxe determinada. 

No que respecta á arquitectura correspóndese cunha edificación de planta rectangular, disposta no eixo leste-oeste, ó que se lle engade unha Capela cadrangular polo lateral sur ou da Epístola (a Capela de San Isidro da familia Saavedra), ademais doutro pequeno engadido no extremo norleste correspondente coa sancristía.

Na actualidade pode verse todo o aparello exterior, posto que se optou por retirarlle o recebo de cal e area que ocultaba os paños, agás nos esquinais realizados en canteiría. Dito aparello consiste nunha cachotaría concertada na que predomina o granito, na fachada principal, aínda que nos demais lenzos tamén se mestura con gneises e con rochas "do país" (anfibolitas e ultrabásicas). 

Os panos exteriores carecen de decoración, sendo a fachada principal ou frontis, o máis destacado, posto que nela se atopa a porta principal (xa que existe unha segunda aberta no lenzo norte), ambas de feitura alintelada e carentes de ornamentación, tanto nos linteis como nas xambas. Sobre a porta principal disponse unha ventá cadrangular de pequenas dimensións, inserida no hastial. E finalmente, a modo de remate, sitúase a espadana dunha soa troneira, asentada sobre unha cornixa moldurada, coa mesma feitura ca que serve de transición co ático, no que se dispón un pináculo central, en cuxa base tamén se abre unha troneira pequeniña, e que ó mesmo tempo, aparece flanqueado por dous pináculos incompletos e mutilados, cuxos restos poden corresponderse con senllos remates decorativos asentados sobre o peche oriental do adro.

No interior existen varios elementos a destacar, tanto na arquitectura coma no mobiliario. Respecto á primeira son de destacar senllos arcos de medio punto, carentes de decoración que arrican de impostas molduradas, un deses arcos correspóndese co arco triunfal que serve de transición entre a cabeceira e a nave; e un segundo arco que comunica a nave coa capela lateral de San Isidro.

Entre os elementos mobles son de especial relevancia o retablo principal, cuxa procedencia orixinal se corresponde coa vella igrexa de San Andrés da Coruña, e que como recolle Xosé Manuel Broz en base ós datos extraídos do Libro de Fábrica, este retablo foi traído por Don Juan Saavedra Codesido, do Pazo de Tarrío, no ano 1886, sendo costeado por el mesmo. Este retablo pode datarse a mediados do século XVIII. É de estilo Barroco con ornamentación Rococó moi prolífica ou abundante. Nun lateral da nave acubillado nunha fornela ou lucilo hai outro retablo máis pequeno de estilo Neoclásico, de inicicos do século XIX, con decoración Rococó, que acolle a imaxe de Santa Lucía. Tamén é de destacar a mesa do altar, con decoración de anxos e nubes en torno ó triángulo, símbolo da Divinidade, ademais de guirnaldas de froitos dispostas en aspa.

Na Capela de San Isidro que serve de panteón funerario á familia dos Saavedra, son de destacar a reixa de madeira coroada por un frontón partido co escudo de armas policromada e semellante ó da fachada do Pazo de Tarrío, en cuxo cuartelado se identifican os apelidos de Valladares ou de Bermudez, de Mondragón, de Noguerol e de Seixas. No interior da mesma destaca o retablo de San Isidro de estilo Neoclásico, pero tamén o sartego de Don Isidro López Saavedra, encastrado na parede sur, rematado por arco de medio punto e cunha inscrición no frontal que refire que a Capela foi fundada e dotada polo crego Don Isidro López de Saavedra no ano 1651. Como refire Don Antón Taboada Roca, nesa Capela están soterrados moitos membros desa familia, que ademais de  recibir sepultura no interior tamén contan cun panteón de canteiría en forma de nichos, adosado ó lenzo exterior sur da nave da igrexa, no ángulo de confluenza coa citada capela lateral.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletin nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletin nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei". Ano 2001.

- Taboada Roca, Antón: "Notas históricas", en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

 

 

Outros elementos do catálogo