Hórreo en Barazón

Hórreo en Barazón

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Santiso - Santa María de Barazón
Situación detallada: 
Barazón Grande
Cronoloxía: 
Século XVIII

Coordenadas

Latitude: 
42º 51´ 26,50´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 43,14´´ W
X: 
580.717,84
Y: 
4.745.448,45

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea de Barazón Grande atopámonos cunha moi alta densidade de hórreos, principalmente nas eiras das casas. Moitos deles responden a unha mesma tipoloxía, erguidos sobre un banco ou cepa corrida e maciza.

No caso que nos ocupa centrámonos nun en concreto, posto que ó ser edificado no ano 1793 pódese considerar o máis antigo (en base ós datos dispoñibles) do Concello de Santiso, e probablemente dos máis antigos da Terra de Melide. Para poder ver este hórreo é preciso atravesar a eira dunha vivenda particular, polo que o seu acceso está restrinxido. 

Actualmente está restaurado na súa totalidade, pero conserva unha inscrición no penal sobre a porta onde se le a data da súa edificación e o nome da persoa que o mandou facer: "ME COSTEO D ANTº BOT Aº D 1793", este texto confirma a data da súa construción a finais do século XVIII. 

Estruturalmente consta de varias partes, dun banco ou cepa corrida de asento realizado en aparello de cachotaría vista, aínda que os lenzos laterais preséntanse recebados na metade superior. Sobre esta cepa disponse unha mesa ou tornarratos corrido, como é lóxico ó tratarse dunha estrutura que non é sustentada mediante pes. Por riba do tornarratos atópase a cámara conformada por elementos de canteiría (testeiro, columnas e penais) e peche dos laterais empregando ladeiros de madeira en cores branca e ocre.

Sobre a porta e o testeiro dispóñense sendos penais de feitura triangular, para adaptarse á configuración da cuberta. Sobre ambos sitúanse as sobrepenas, coroadas por unha cruz (a que vai sobre a entrada), e dun pináculo na traseira sobre o testeiro.

En Traseirexe, na parroquia de San Pedro de San Román, tamén no concello de Santiso, atopamos outro hórreo tamén moi antigo, datado no ano 1808. 

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.

 

 

Outros elementos do catálogo