Archete en Riazón
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Nesta antiga edificación tradicional coñecida como "a casa de Lucía", aínda se conserva en condicións precarias, unha porta con tellado en archete. Este tipo de cubertas tan características das comarcas do sureste da provincia da Coruña, na actualidade atópanse nun proceso progresivo de desaparición.
Na Terra de Melide consérvanse poucos archetes, e en todo o Concello de Santiso probablemente non se conserven máis que este de Riazón, e outro na aldea de Balocás de Abaixo, na parroquia de Visantoña. Existe outro non moi lonxano, na parroquia de Santa María de Campos no concello de Melide, algúns en Vilaverde, na parroquia de Pedrouzos, tamén no termo municipal de Melide. E aínda hai pouco tempo desapareceu un na parroquia de Santa Mariña de Brañas, na aldea de Os Castros (Toques). Descoñecemos cantos poden quedar en todo o ámbito territorial do territorio de Abeancos, pero obviamente son moi poucos, lamentablemente.
Un archete segundo se lé no «Terra de Melide» do Seminario de Estudios Galegos, en verbas de Vicente Risco referíndose a este tipo de solución de tellados, vén a ser: "unha sorte especial de tellado é o archete, telladiño angular imitante ó das bufardas, que sobresai da vertente do tellado grande. O archete vai polo regular enriba dunha porta que da entrada ó pasadeiro ou a outro paso da casa. Din os peisanos que o archete faise cando o tellado é por aquela parte baixo de máis pra deixar vagantío pra a porta...O archete ármase con tres viguetas, dúas que van nos ángulos co tellado principal e outra que fai de cumio, e que apoian por adiante nunha tixeira. Das dúas vigetas de abaixo parten cara adiante dous tercios ou pontós paralelos ó cumio. A tixeira anterior soe levar por debaixo unha viga ou trabe encombada facendo arco, que se escolle xa atergo pra iste emprego. Por arriba desta armadilla, atravésanse as doelas".
Nuns termos semellantes os describe Manuel Caamaño Suárez, como a continuación se recolle: "na cuberta aparece, nos casos de edificacións de muro baixos, un elemento orixinal propio desta tipoloxía, sobre todo nas terras interiores: o archete. Consiste nun pequeno tellado con cumio normal ó corpo básico, apoiado nun lintel de madeira quebrado (conformado a maioría das veces coa forma natural que tiña na árbore), que ten como función logra-la altura suficiente para un facil acceso á dependencia de almacenamento que hai a continuación". E tamén o define como "telladiño en ángulo que sobresae da vertente do tellado xeral semellante a unha pequena gateira ou bufarda pero sen fiestra que peche o oco".
Vemos por tanto que a solución de telladiño en archete ou "archede", é unha magnífica e inxeniosa solución concibida para poder cubrir unha entrada a unha edificación de escaso desenvolvemento en altura, sen ter que interromper ou modificar as augas dun tellado. O máis orixinal é optar por buscar unha árbore o suficientemente arqueada para poder facer a trade que servede lintel de entrada, e sobre ela dispor os tercios e puntóns de madeira da armadura da cuberta, sobre os que irían cravadas as táboas ou "duelas" que serven de descanso das tellas.
Na Casa de Lucía de Riazón, pode verse como sería unha viga de asento dun archete, pero é de supoñer que non será por demasiado tempo, a xulgar polo irreversible estado de ruína que presenta o tellado na súa zona do cumio, que suporá o vencemento de toda a cuberta.
Na fachada desta edificación en L, aínda se aprecia como a estrutura xa perdeu un volume ou espazo complementario anexionado á súa dereita, posto que se pode ver como o aparello de cachotaría da mesma foi interrompido ou mutilado.
Outros elementos a destacar nesta casa son a porta orixinal de acceso á mesma, acubillada baixo a propia viga do archete, que consta de dúas follas, feitas en madeira de castiñeiro. Tamén é interesante a presenza dunha pequena xanela no lateral da edificación que da a un camiño de servidume e que a pesar da súa sinxeleza mantén as súas pautas orixinais, estando conformada por catro pezas de canteiría de granito: dúas xambas, lintel e soleira ou pousadoiro. As xambas e o lintel presentan os reabaixes nas esquinas concibidos para as contras.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado no ano 2013.
- Broz Rodríguez, Xurxo; Vázquez Neira, Cristina: "A casa con tellado en archete, unha reminiscencia do pasado medieval nas construcións populares da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 35 do CEM-MTM, ano 2022
- Caamaño Suárez, Manuel. "A casa popular" (Cadernos Museo do Pobo Galego 8), 1999.
- Risco, Vicente. "Estudo etnográfico da Terra de Melide" (Capítulo 5 do "Terra de Melide", Seminario de Estudos Galegos 1933).