Castro da Armada
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
O Castro da Armada ou das Fervenzas asóciase ó curso alto do río Furelos, caracterizado polo abrupto do seu relevo. Trátase dun asentamento destacado en altura e un dos máis elevados da Terra de Melide, situado a unha cota de 613 m sobre o nivel do mar. A unha distancia duns 100 m cara o LNL atópanse as Fervenzas do Furelos, aínda que entre o asentamento castrexo e a fervenza se produce un acusado desnivel, posto que o primeiro se sitúa na parte máis elevada dun esporón en ladeira e a segunda na depresión existente entre as elevacións que enmarcan o cauce fluvial, estando o Castro nunha das estribacións terminais da Serra do Bocelo e fronte ó mesmo, cara ó leste, sitúase outra elevación parella que nese caso, se corresponde con outro esporón asociado ás vertentes occidentais dos Montes do Corno do Boi.
As primeiras referencias bibliográficas sobre este Castro tan senllerio e tan manifesto na paisaxe, débense a autoría do prehistoriador Florentino L. Cuevillas, quen aporta unha descrición no “Terra de Melide” (1933). Sobre o mesmo refire que “ocupa íntegramente o cume de un monte, de salvaxe fermosura, que dende o leste ó suloeste baixa en pendente pina e longa deica o río Furelos, caíndo pol-o restante da volta, en costa moita máis corta sobre unhas veigas, que andaban a millo cando nós visitamos aquiles lugares”.
O mesmo investigador refire que “queda o Castro a uns 500 m cara ó suloeste da aldeiña da Armada, pertescente á parroquia de Brañas”. Mentres que M. González Méndez afirma que “se accede a él desde el lugar de Carreira tomando la pista que lleva a las Fervenzas”. Tamén esa autora fai unha descrición do xacemento castrexo empregando datos que xa foran apuntados no seu día por Cuevillas, mais dun xeito máis técnico e menos literario que este, nese senso sostén que “el castro se configura a partir de un recinto circular que se alza sobre un terraplén coronado en su arco N en su arco defensivo. Por el lado NNE el parapeto se abre para dar lugar a un acceso, posiblemente original, de unos 5 m de anchura, flanqueado hacia el exterior por una prolongación del parapeto que se extiende unos 9 m. El yacimiento presenta unas dimensiones de 56 m en el eje N-S y 63 m en el E-W. El parapeto tiene una altura que oscila entre los 2 y 4 m y el terraplén se alza con una altura que oscila entre los 4 y 9 m, según el lugar. Fue objeto de alguna excavación por parte del grupo arqueolóxico Trisquele vinculado al Museo Terra de Melide”.
Aínda que as primeiras descricións foron as realizadas por Cuevillas, o mesmo apunta que foi catalogado primeiramente para a realización do Inventario de asentamentos castrexos na Terra de Melide polo presbítero melidao Amador Rodríguez Martínez (coautor xunto a Vicente Risco do capítulo Folklore de Melide no “Terra de Melide”) e tamén polo ilustre folclorista e etnógrafo Antón Fraguas Fraguas.
BIBLIOGRAFÍA:
- González Méndez, Matilde: “La revalorización del patrimonio arqueológico. La definición de un programa para el Ayuntamiento de Toques (A Coruña). Serie Arqueoloxía-Investigación nº 8. Xunta de Galicia ano 2000.
- López Cuevillas, Florentino: “Prehistoria de Melide”. Capítulo II do “Terra de Melide”. Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.