Hórreo no Camiño dos Tagarros
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Este hórreo situado nas inmediacións do antigo Camiño Real que ía dende Ourense á Coruña, é un dos tres que aínda se conservan na zona do Campo Grande, que nos falan do pasado agrícola da vila de Melide. Este en concreto ubícase nunha zona sen urbanizar, nun área de leiras de cultivo e prados, coñecida como Os Tagarros, onde existen tres vellos camiños que serven de comunicación entre Melide e Santa María e a zona do Campo Grande con esta última e coa Codeseira. Os camiños atravesan unha valgada natural onde segundo as crónicas documentais se emprazaba o Burgo Vello de Melide, un antigo poboamento existente anteriormente ó século XIII, que tiña como sede parroquial a igrexa de Santa María de Melide. As crónicas falan de que o Burgo Vello estaba "a carón do río que sal da fonte de Castro, xunto ó camiño que ven á vila polos Tagarros". Ata non hai moito existía esa fonte na zona de flexión de pendentes desa valgada natural, a partir da cal continuaban as augas do rego cara Santa María.
Vemos por tanto que se trata dunha zona de enorme interese tanto a nivel histórico como documental, coñecéndose ademais que un deses camiños era coñecido como Camiño dos Maragatos (unha variante do Camiño de Santiago que se desenvolvía entre Furelos e Santa María).
O hórreo forma parte da propiedade dunha casa illada que se sitúa ó seu carón, ambas edificacións ubicadas nunha das marxes do camiño. O hórreo conta con dúas estremas e resposta á tipoloxía máis común de hórreos da Terra de Melide, onde os elementos estruturais acostuman ser de pedra (de canteiría de granito) e a cámara de madeira, para a confeción do mesado, da teitume e dos cerramentos laterias (ladeiros).
O hórreo aparece elevado respecto á rasante do chan sobre unha cepa corrida de cachotaría, feita con aparello de pedra do país (de pedras de rochas ultrabásicas propias de substrato xeolóxico de Melide e da área da Madanela). No extremo occidental da cepa disponse unha escaleira de seis chanzos de acceso ó hórreo que forma parte da mesma. Sobre dita cepa dispóñense tres pes ou perpiaños de perfís moldurados de granito, que serven de apoio dos tornarratos que sustentan a cámara do hórreo.
A cuberta como é habitual, disponse a dúas augas e está tellada con tella do país, producida nas telleiras existentes en Furelos, Piñor, Madanela ou no Leboreiro. O cumio non conta con elementos de remate, pero vese o encaixe na zona dos penais que denota que tivo que contar con cruz de ferro e con veleta.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "O antigo Camiño de Santiago desde Melide ao Barreiro", publicado no Boletín nº 33 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2020.
- Taboada Roca, Antonio: "Notas históricas", Cap III do "Terra de Melide", publicado polo Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.