Lauda sepulcral no adro da igrexa de Vilouriz

Lauda sepulcral no adro da igrexa de Vilouriz

Información

Tipo: 
Elemento singular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Toques - Santiago de Vilouriz
Situación detallada: 
Vilouriz
Cronoloxía: 
Indeterminado

Coordenadas

Latitude: 
42º 56´ 38,20´´ N
Lonxitude: 
7º 56´ 8,07´´ W
X: 
586.838,67
Y: 
4.755.139,67
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

No pequeno adro da igrexa parroquial de Santiago de Vilouriz, existen varios enterramentos a rentes de chan, pero hai un contiguo ó esquinal suroccidental da igrexa que chama a atención respecto ós demais polas súas pautas antigas e pola súa sinxeleza e austeridade formal.

Sobre esta igrexa comenta Broz Rei que se trata “dunha igrexa antiga, nomeada no testamento do bispo Odoario no ano 747... item in Aviancos Ecclesia Sancti Jacobi de Villa Onorice...”, en todo caso a igrexa parroquial xa non conserva elementos que denoten a súa antigüidade pretérita, senón que se trata dun templo parroquial reedificado no século XVIII.

Respecto á lauda, ou tampa de enterramento, cabe indicar que non se pode ver por completo debido a estar os seus extremos ocultos polo terrón e a herba do adro da igrexa, en todo caso vese que se trata dunha pedra alongada da que pode verse unha lonxitude de 1,30 metros e un ancho duns 50 cm. Na súa metade occidental aparece unha representación dun motivo sacro realizado mediante incisión na pedra, aparentemente se trata dunha cruz latina envolta nunha esfera e un fuste lonxitudinal que parte dun basamento troncocónico, mais tamén se pode concibir como a representación dun viril ou custodia para a Hostia Consagrada, ou Sagrada Forma, como as que se utilizan para procesionar na festividade do Corpus Christi.

Esa posibilidade lévanos a considerar que podería tratarse da tampa do soterramento dun presbítero ou sacerdote, que puido ter sido párroco desta freguesía.

Tamén a súa forma nos fai pensar nunha estela que serviría igualmente para sinalar un enterramento, pero nese caso a pedra tería que estar chantada e disposta en vertical. Certamente este elemento amosa máis interrogantes que conclusións, o cal lle confire unha significación bastante interesante.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Santantoíño de Toques”, publicado no ano 2011

Outros elementos do catálogo