Cruceiro do Leboreiro

Cruceiro do Leboreiro

Información

Tipo: 
Cruceiro
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María do Leboreiro
Situación detallada: 
Leboreiro
Cronoloxía: 
Século XVII

Coordenadas

Latitude: 
42º 53´ 13,73´´ N
Lonxitude: 
7º 57´ 53,69´´ W
X: 
584.522,83
Y: 
4.748.802,40
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

O Cruceiro do Leboreiro situado en pleno itinerario do Camiño Francés a medio camiño entre o tramo empedrado da calzada medieval e a igrexa parroquial de Santa María do Leboreiro, de finais do século XIII, a unha distancia de 125 metros ó surleste da mesma, nunha praciña triangular nunha intersección de camiños.

A circunstancia de atoparse nesa encrucillada, pola que hai movemento de tránsito rodado supúsolle importantes danos no pasado, posto que este cruceiro igual que tantos outros da Terra de Melide, foi embestido e abatido, polo que tivo que ser reparado mediante espigos de fixación e morteiros e grampas de ferro.

En orixe este cruceiro estaba asentado nun pedestal de feitura troncopiramidal ó carón do cal se dispuña un pousadoiro situado no seu extremo surleste, composto por un lousa rectangular asentado sobre unhas pedras que o levantaban un pouco do chan, aínda conservado na década dos anos oitenta. Na actualidade dito pedestal ou basamento foi substituído por unha inapropiada plataforma de dúas gradas de canteiría de granito, ambas de planta octogonal. 

Sobre a segunda grada asentaron tamén recentemente, un bloque de planta cadrada que serve de punto de apoio e arranque do fuste. Este fuste é de feitura renacentista con estrías lonxitudinais entre as que se intercalan boceis na metade inferior. 

O capitel é de tipo composto provisto de cabezas de anxos, follas e volutas. Sobre este érguese a cruz, moi erosionada e carente de figuración, polo tanto con caras lisas e arestas achafranadas. 

Aparte das reparacións das fracturas que houbo que realizar tanto no varal coma na cruz, compre indicar que este cruceiro se atopa moi erosionado e desgastado, supoñendo a desfiguración e desdebuxado dos reus riscos e trazos.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os Cruceiro da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", publicado no ano 2001.

Outros elementos do catálogo