Igrexa de San Mamede do Barreiro

Igrexa de San Mamede do Barreiro

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Mamede do Barreiro
Situación detallada: 
O Barreiro
Cronoloxía: 
Século XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 18,14´´ N
Lonxitude: 
8º 3´ 13,97´´ W
X: 
577.214,76
Y: 
4.752.554,51
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A igrexa de San Mamede atópase nunha paraxe illada, nunha carballeira bordeada por masas de repoboación de eucalipto e de propiedades a prado, sendo as aldeas máis inmediatas a de O Mato e a do Barreiro de Arriba, onde se sitúa o Castro do Barreiro a unha distancia duns 180 metros ó NNL da igrexa.

No propio lugar onde se empraza a igrexa existen dous cruceiros, o tradicional e un segundo de execución en tempos recentes.

A igrexa, de estrutura sinxela, disponse nun único eixo e nun único volume. Broz Rei recolle en base á información consultada no Libro de Fábrica que a igrexa foi reconstruída no ano 1827, e como foi no ano 1899 cando se reedifica un lateral e a fachada.

Como xa se sinalou, a igrexa amosa unha estrutura bastante básica, como se reflicte xa dende o exterior, destacándose unicamente o seu arco triunfal de medio punto, apoiado sobre impostas de perfil moldurado e carentes de decoración, que se apoian sobre machóns de cantería.

No exterior vemos como o aparello dos muros aparece encalado e pintado, quedando a pedra á vista nos elementos de cantería existentes, correspondentes ó enmarcado dos vanos (portas e ventás), nos esquinais dos extremos e na espadana, que consta dunha única troneira para acoller unha campá, e dun ático con remates laterais a xeito de pináculos e coroado por unha cruz en pedra. No campo central do ático, que conta cun deseño troncopiramidal, ábrese unha pequena fornela baleira, cuxo único cometido é o de conferirlle un mellor equilibrio compositivo á espadana, en correlación e analoxía coa arcada de medio punto da fornela da campá situada por debaixo.

No interior da igrexa, na Capela Maior, existe un retablo de madeira de estilo Neoclásico, realizado e pintado no ano 1886, como figura no Libro de Fábrica.

Resulta chamativo o topónimo da parroquia, posto que tal e como apuntan Nicandro Ares e Xaquín Vázquez, a súa orixe asóciase coa verba “barro”, considerada unha derivación da fórmula prerromana que se vincula con lugares abondosos en barro, ou con lugares onde se extrae o barro ou mesmo o oficio de manipulador de dita materia. Nese caso poderiamos pensar nunha actividade extractiva que puidera ter unha correlación cos traballos alfareiros ou coa construción tradicional na que se emprega o barro como elemento aglutinador do aparello de cachote das edificacións.

Esta orixe prerromana apuntada polos dous autores citados nos pode levar á posible existencia de zonas extractivas que puideran ter vinculación co propio castro existente nas proximidades.

BIBLIOGRAFÍA:

- Ares Vázquez, Nicandro: “Onomástica parroquial do Concello de Melide”. Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “As igrexas de Melide”. Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.

- Vázquez Rodríguez, Joaquim: “Toponimia do Concello de Melide”.

Outros elementos do catálogo