Capela de San Lázaro

Capela de San Lázaro

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María de Melide
Situación detallada: 
Santa María
Cronoloxía: 
Idade Media/Idade Moderna

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 43,51´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 41,19´´ W
X: 
579.330,49
Y: 
4.751.510,26

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

En pleno itinerario do Camiño Francés, unha vez deixada atrás a vila de Melide e a aldea de Santa María, entre esta última e a do Carballal, aínda se garda a memoria da antiga capela de San Lázaro (interpretada como capela dun lazareto ou hospital de leprosos), tanto no seu topónimo como na tradición oral. Pouco despois, a tan so 60 metros dende o lavadoiro público sito ó carón do rego da Taxea ou de San Lázaro (tributario do río Catasol que nace moi preto de Priorada e San Cibrao) ubícase á nosa man dereita segundo seguimos polo Camiño de Santiago, o prado e solar onde se conserva a memoria da existencia deste antigo edificio hospitalario. 

Tratábase dunha fundación relixiosa (poida ser que tamén asistencial, no caso de tratarse da capela dun lazareto) da que se conserva escasa documentación. Sobre ela ten recollido diversos apuntamentos Xosé Manuel Broz, todos eles extraídos da documentación do Libro de Fábrica da freguesía de Santa María de Melide. Dela extráese que se trataba dunha capela e dun hospital de leprosos dependente da Casa de Liñares. Sábese que no século XVIII o complexo xa estaba arruinado xa que de feito no ano 1751 trasládanse as imaxes da Capela ata a igrexa de Santa María, debido o mal estado que presentaba a edificación. Así pois a documentación da conta de que "... la Ermita de San Lázaro, la qual estaba arruinada e yndecente. Sin puertas que la defiendan, sin techos que despida el agua prohive S.Y. con escomunión mayor  la no zelebrazión del Santísimo Sacrificio de la misa en ella, y que el cura al trmo. de quinze días recoja a la Yglesia Parroquial las Santas Ymáxenes que tuviere...". Resulta curioso ese acusado estado de ruína posto que no ano 1741 "manda S. Y. q. la persona al cuyo cargo está la capilla de San Lázaro ponga en ella una Ara puertas con cerraduras, y llabes, cubra el pórtico y la blanquee por adentro, y por afuera, y haga una imagen de bulto de San Lorenzo que pondrá en ella...".

 No tocante ó grao de deterioro que se rexistra no ano de 1771, extráese da documentación que "manda dho. señor Bisitador en atención a que el Arco de la Capilla Mayor la bobeda y techo se halla en sumo grado arruinado y próximo a venirse al suelo por lo que amenaza muy visible acontecimiento que pueda impedir la celebración de los oficios devinos." 

A partir da mencionada visita acométense as melloras necesarias para restablecer o culto nela, así dese xeito recóllese como no ano 1818 se pon en coñecemento do señor da Casa de Liñares que faga un retablo novo para a Capela de San Lázaro e provea de ornamentos necesarios para a celebración da misa, e que non se utilice o sitio para a realización de actos profanos.

No ano 1832 resólvese que se pinte o retablo e que se enterren as tres imaxes vellas e carcomidas. E tamén "con respecto de la Capilla de San Lázaro, manda se cumpla en todas sus partes lo mandado... y ademas se acredita el cumplimiento de la misa anual que tiene de fundación y que debe celebrar en ella el Cura de esta Parroquia el domingo próximo siguiente al de la festividad de la advocación del Santo...".

Así pois vemos que na primeira metade do século XIX a capela recuperaría a súa función litúrxica, pero non se detalla que o hospital ou lazareto se mantivera en pe. De feito, no que respecta á capela, recolle Broz Rei como no solar onde se ubicaría, un dos veciños, Manuel Casal, "afirmaba a existencia alí da antiga capela de San Lázaro e que se se escavase aparecerían os alicerces da parede, pois o camiño subíu moito de nivel e que...; aínda hai quen recorda ver parte dos muros ergueitos, polos anos 50". 

Con todo, e a pesar da existencia de certas lagoas documentais, todo parece indicar que a capela se atopaba moi derramada a mediados do século XVIII, que se rehabilita e recupera para o culto na primeira metade do século XIX, e que esmorecería por completo no século XX, aínda conservando parte dos seus alzados ata a metade dese mesmo século. 

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Publicado no Boletín nº 8 do centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.

- Broz Rei, Xosé Manuel e Primo Barja, Mª Dolores: "Apéndice documental. Libros de Fábrica e Confrarías das Parroquias que están nos Arquivos Parroquiais e no Arquivo Diocesano de Lugo". Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A vila de Melide". Publicado no ano 2016.

. Broz Rei, Xosé Manuel: "O antigo Camiño de Santiago, desde Melide ao Barreiro". Publicado no  Boeltín nº 33 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2020. 

 

Outros elementos do catálogo