Igrexa de San Pedro de Belmil

Igrexa de San Pedro de Belmil

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Santiso - San Pedro de Belmil
Situación detallada: 
A Rectoral
Cronoloxía: 
Século XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 51´ 33,63´´ N
Lonxitude: 
8º 4´ 11,82´´ W
X: 
575.979,90
Y: 
4.745.614,57
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A parroquia de Belmil é unha das máis destacadas do Concello de Santiso, en canto á cantidade e diversidade de elementos do patrimonio cultural, e tamén se destaca porque na propia aldea de Belmil se ubica a Casa da Audiencia da Xurisdicción de Abeancos, na que se integraban a maior parte das parroquias do Concello de Santiso. Hoxe esa casa que tamén foi cárcere, a pesar de presentar un importante estado de abandono e semirruína, a súa arquitectura, a porta en arco conopial e o seu blasón nobiliario, reflicten claramente a importancia da mesma. 

Respecto á igrexa parroquial indicar que posiblemente se erguera no século XIX en substitución doutra anterior, que contaba con capelas laterais, das que existen referencias no Libro de Fábrica, e nomeadas como capela de San Gregorio e capela de San Alberto. Esas referencias datan do século XVIII, polo que compre entender que neses momentos existía unha edificación previa á que hoxe nos atopamos.

O máis singular da actual igrexa son as súas destacadas dimensións en planta (20 x 8 metros) e mesmo en alzado, e tamén a circunstancia da súa orientación, toda vez que non está orientada en sentido Leste-Oeste, senón de Norte a Sur (estando a fachada principal orientada ó Norte).

A igrexa desenvólvese nun único volume rectangular, que se vertebra no interior en tres espazos correspondentes á nave, ó presbiterio e a unha sancristía traseira, situada tras o testeiro da capela maior.

A fachada principal destaca pola súa esbeltez e harmonía compositiva. Conta cunha porta realizada en cantería de granito con remarcado a xeito de caixeado, e con pináculos nos extremos superiores a xeito de remates. Sobre a porta disponse unha ventá que proporciona luz á tribuna interior e que presenta deseño rectangular e vertical, rematada por un arco de medio punto. Os aletóns do extremo do tellado son moi elaborados, xa que presentan liñas moi sinuosas e con remates revirados, a xeito de volutas ou roleos. A espadana é moi estilizada e conta con dúas amplas troneiras para campás no corpo inferior, e cunha terceira (neste caso baleira) no frontón do ático deseñado en forma de arco apuntado. Dito frontón aparece flanqueado e coroado por pináculos moldurados.

No interior o máis destacado é o arco triunfal realizado con doelas grandes, de canteiría, e sustentado por piares de canteiría que se integran nos machóns laterais. O intradorso das mesmas presentan decoracións en rebaixe a modo de baleirado.

A teitume da nave e da cabeceira correspóndese cunha armazón de madeira á vista, que traduce a disposición externa do tellado a dúas augas.

BIBLIOGRAFÍA:

-Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos". 2011.

 

 

Outros elementos do catálogo