Espadana da igrexa da Capela
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Na comarca da Terra de Melide temos un destacado exemplo de campanario exento. Trátase do de Santa María da Capela (Toques). Este tipo de campanarios exentos foron comúns na Idade Media, xa que as campás se utilizaban como sistemas de comunicación e avisos para a propia parroquia e para as veciñas, e adoitaban colocarse en lugares onde a reverberación e a acústica acompañaba. Un dos máis coñecidos é a Torre de Pisa, en Italia é moi frecuente, sobre todo no Románico e no Gótico, edificar os campanarios exentos, os coñecidos como campaniles.
Este tipo de campanarios acostumaban construírse separados das igrexas por un motivo práctico, e non adosados a elas ou coa solución dunha troneira sobre a fachada principal como soe ser máis frecuente nas igrexas rurais. En moitas ocasións a igrexa estaba edificada sobre un terreo máis baixo e facíase necesario erguer o campanario nunha zona máis elevada para facilitar a transmisión do son das campás, xa que en determinadas circunstancias o toque das mesmas anunciaba algunha nova como incendios, ameazas ou calquera outro chamamento ós veciños, e non so para o habitual anuncio de misas, defuncións ou festas.
Non coñecemos máis exemplos na nosa comarca, pero si nos próximos concellos de Vilasantar e Oza-Cesuras (ambos da comarca de Betanzos).
Na parroquia de San Martiño de Armental (Vilasantar), o templo de estilo románico rural vai acompañado dun fermoso e sinxelo campanario exento, de cronoloxía posterior. Presenta un corpo macizo de cachotaría e conta cunha soa troneira en arco de medio punto. Atópase colocado sobre o muro de peche do adro da igrexa.
Moi similar a el atopamos outro na parroquia de Santiago de Paderne (Oza-Cesuras), edificado igualmente en cachotaría e cunha troneira en arco de medio punto, aínda que neste caso presenta unha moldura á altura do apoio do xugo da campá. Neste caso o cruceiro atópase sobre unha plataforma de cemento de nova feitura, o que nos indica que foi recolocado ou arranxado nalgún momento, primando a súa conservación.
Ambos exemplos son de similares características ó que podemos ver na Capela, aínda que neste caso o corpo da torre é moito máis estilizado.
Nos tres casos destaca a presenza do cruceiro preto deles, formando un todo visual xunto coa igrexa.
Todos eles son exemplos magníficos dunha arquitectura antiga que se edificaba cuns fins necesarios para a comunidade, e que por sorte aínda podemos admirar.
Respecto o caso que nos ocupa, o de Santa María da Capela, o campanario aséntase sobre un afloramento de penedía, e nun plano máis elevado que o cruceiro parroquial. Consta de dúas partes: espadana e corpo ou pilastra. O corpo de asento consiste nun xeito de piar de planta cuadrangular realizado con aparello de cachote con esquinais de pedra labrada. Este basamento elevado serve de soporte á espadana, que conta cunha tipoloxía parella á doutras igrexas existentes nas freguesías do concello de Toques e doutras parroquias da Terra de Melide. Consta dun banco con cornixa moldurada sobre a que se asenta o primeiro corpo de unha ou dúas troneiras para as campás, rematado por unha cornixa moldurada e ático con frontón con troneira e remates laterais a xeito de pináculo, e culminada por un pináculo que acostuma coroarse por unha cruz de ferro, como é o caso da Capela. Trátase pois dun dos modelos máis acostumados no deseño de espadanas para igrexas sinxelas, e xeralmente de pequenas dimensións.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.
- Broiz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no ano 2011