Casa de labranza na Graña, o Meire

Casa de labranza na Graña, o Meire

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro do Meire
Situación detallada: 
A Graña
Cronoloxía: 
Sen definir

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 16,63´´ N
Lonxitude: 
7º 56´ 59,76´´ W
X: 
585.721,84
Y: 
4.750.757,93
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A aldea da Graña, pertencente á parroquia do Meire, é un lugar situado nunha cota elevada (a 520 mt. sobre o nivel do mar), que destaca pola estreitura dos seus viais e tamén pola interesante arquitectura tradicional. É de destacar un conxunto de tres hórreos situados nunha eira, ou tamén a casa ubicada ó carón deles, que conta con interesantes elementos estruturais. Esta vivenda correspóndese cunha edificación situada na esquina dunha pista, onde se forma un recanto, e no que tamén existe enfronte á casa un conxunto de vivenda e edificacións adxectivas en acusado estado de ruína, que destaca polo seu forno panadeiro. 

O inmoble ó que nos imos referir está perfectamente adaptado á esquina ou quebro abrupto que forma a pista, a modo de ángulo recto, e tamén á diferencia de plano ou de nivel existente. De feito a edificación amosa unha única planta cara ó leste, e dúas na fachada norte, de maneira que se modula en dous andares diferenciados, pero cuxa planta superior determínase coma un volume horizontalizado que fai as veces de planta baixa e de segundo andar dependendo polo plano polo que se acceda. De aí que na fachada setentrional se identifique unha planta baixa que se constitúe coma un semisoto, e que grazas a tan aproveitada adaptación ó terreo se conquerise poder vertebrar un espazo para a corte, con acceso directo dende a pista.

A edificación está realizada enteiramente en aparello de cachotaría moi ben disposta e á vista, aínda que na planta superior da fachada norte aparece remarcada por un enfoscado basto, de area con cal. O tellado está disposto a catro augas e cuberto por tella tradicional. O máis chamativo desta casa é o sistema de acceso á planta principal, xa que no lenzo oriental existe unha porta alintelada, acubillada por unha estrutura porticada, a modo de pendello. O entramado da cuberta do mesmo vai apoiado sobre un piar realizado mediante un pe monolítico de forma "piramidal" a xeito de marco, ó que se acopla de maneira moi ben adaptada un pao ou esteo de madeira que serve de apoio das dúas trabes (enlazadas en tixeira) e dos puntóns da armazón da cuberta. Tamén chama a atención a sección circular das trabes así mesmo como algúns dos puntóns que nela se dispoñen, aínda que a maior parte deles procuran unha sección máis ou menos cadrangular resultante dun labrado tosco a machada. Esta solución de cuberta a modo de portico apoiado en chantos de pedra suplementados con esteos de madeira é común a este tipo de edificacións adxectivas propias destas comarcas centrais, fundamentalmente na da Ulloa, pero que tamén foi empregada en estruturas de postos de mercado (tal é o caso dos afamados Pendellos de Agolada). O emprego deste sistema mixto de apoio ou elemento sustentante aporta solidez á par de certa marxe de flexión que estabiliza calquera posible movemento ou desestabilización que puidera producirse nun entramado de cargas verticais e con empuxes en oblicuo.

 

Outros elementos do catálogo