Igrexa de San Pedro do Meire

Igrexa de San Pedro do Meire

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro do Meire
Situación detallada: 
O Meire
Cronoloxía: 
Século XVIII

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 17,36´´ N
Lonxitude: 
7º 57´ 37,27´´W
X: 
584.871,05
Y: 
4.750.770,33
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Esta igrexa parroquial sitúase a uns 150 mt. ó Leste da aldea do mesmo nome e nas proximidades da encrucillada na que se sitúa o cruceiro. A igrexa edificada no século XVIII presenta unha planta rectangular, na que se suceden a nave e o presbiterio, que engloba á Capela Maior e unha sancristía situada por detrás da parede do altar, é dicir, que non presenta ningún tipo de anexos laterais.

A nave cúbrese a dúas augas, mentres que o presbiterio, que aparece sobreelevado, cúbrese a catro augas. A edificación foi realizada en aparello de cachote reservando pezas de canteiría de granito para esquinais e xambas e linteis de portas e ventás, ademais de para a realización da espadana. O aparello aparece oculto na fachada oeste, onde se recebou con cemento sen pintar, mentres que no frontis e fachada norte déixase ver parcialmente mediante a solución dun encintado groso que máis ben se trata do remarcado de algunhas das pedras do aparello. As pedras de canteiría das xambas tamén aparecen remarcadas mediante un encintado lineal e sobresaínte en volume.

Á nave accedese mediante unha porta de deseño alintelado no medio do frontis, e tamén a traverso dunha porta lateral situada na fachada norte, que conta cunhas análogas  características de fábrica. Na fachada sur da nave ábrense catro vanos, que se tratan dunha seteira abocinada situada á latura da nave e na parte superior do alzado, as tres restantes son de maiores dimensións, e contan cun deseño rectangular verticalizado, a primeira sitúase á altura da Capela Maior, e as outras dúas na sancristía e en dous planos superpostos. 

A Capela Maior tamén se ilumina mediante unha ventá que da ó Norte, cara á pista que bordea o adro parroquial. 

No frontis o máis destacado é unha espadana que comparte similitudes coa da Capela do Carme da vila de Melide, realizada a mediados do século XVIII. A do Meire descansa sobre unha cornixa moldurada sobre a que aparece un corpo de campá dunha soa troneira, cunhas impostas internas sobresaíntes para apoiar o xugo que sostén á campá. Esta troneira remátase mediante un arco de medio punto.Por riba disponse unha segunda cornixa moldurada sobre a que descansa un ático de deseño moi esmerado que presenta unha forma triangular cos laterais curvilíneos cóncavos, e cunha fornela oca no campo central, e rematado por un segundo frontón semicircular partido que serve de enmarque dun pináculo cumial, e que carece de cruz. Tamén hai outros dous pináculos de flanqueo do frontón do ático.

No interior destaca un arco de triunfo de medio punto que serve de transición da nave ó presbiterio, e tamén un retablo de estilo Neoclásico realizado afinais do século XIX.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide. 1993.

-Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz". 2001. 

Outros elementos do catálogo