Igrexa de San Pedro de San Román

Igrexa de San Pedro de San Román

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Santiso - San Pedro de San Román
Situación detallada: 
Campo de Eirexe
Cronoloxía: 
Século XIX-XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 0,66´´ N
Lonxitude: 
8º 5´ 16,93´´ W
X: 
574.453,11
Y: 
4.750.133,86
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A parroquia de San Pedro de San Román destácase por ser o berce do arcebispo Mateo Segade Bugueiro, quen foi colexial e mestre no Colexio da Santa Cruz de Valladolid, bispo de Cádiz, de León, de Cartagena-Murcia, arcebispo de México, Xuíz da Inquisición en Burgos, Capelán da Corte de Felipe IV e o benfeitor e fundador da Obra Pía de San Antón en Melide, entre outros moitos cargos. Aínda que os seus primeiros anos transcorren na vila de Melide, foi nado na aldea de Trasirexe desta parroquia de San Román, sendo bautizado na igrexa parroquial o 20 de outubro de 1605. Mais a igrexa actual non foi a mesma que existe actualmente, posto que sufriu diversas reconstrucións que mudaron por completo a fábrica primitiva datada no século XIII. 

No "Terra de Melide" descríbese pormenorizadamente a vella edificación románica, que estaba en pe e a finais da década dos anos 20 e comezos dos 30 (do século XX). Nese eido recolle Broz Rei, en base a informacións dun veciño da parroquia, que :"a igrexa estaba moi desfeita por un raio e ademais era moi pequena, polo que se ampliou e amañou... esto foi arredor do ano 1930,... e nela traballou José de Agra que era canteiro". Con todo a descrición do "Terra de Melide", sendo moi exacta tamén reflicte unhas reformas acontecidas no século XIX cando se reedifica o frontis e se fai a nova espadana (como recolle Broz que foi no ano 1832, data da "construcción de la frontera nueva y su campanario").

A descrición que fan os membros do Seminario de Estudios Galegos fala dunha "eirexa de pranta reitangular, con ouso (cabeceira) semicircular prolongado. Ten o arco toral apuntado e con dobladura apoiando sobre colunas adosadas as xambas. As colunas levan capités con ornamentación vexetal e basas de garras con bolas a da dereita e almofada a da esquerda. A coluna da dereita ten cimacio xaquelado i a da esquerda con nacela e de frentes motivos decorativos insertos nela.... A Capela Maor ten unha fiestra central con arco de meio punto i arquivolta xaquelada que na aitulidade está tapiada. Na banda da epístola ten outra fiestra máis nova, e no muro fronteiro ábrese unha porta alintelada que da paso á sagristía, tamén moderna... A portada principal, cara ó poente é moderna. A do sur, moi sinxela, con arco dobrado e porta adintelada levando no tímpano outra crus esculpida, como a da eirexa de Pezobrés, inda que inscrita dentro dun círculo resaltado... O aleiro do ouso vai sobre canicelos sinxelos de nacela. No piñón posterior do tellado, crus antefixa sinxela. Todo é nesta eirexa de marcado acento popular, i o reforzado dos muros dalle aspeito de gran tosquedade e probeza. O emprego do arco apuntado lévanos a datala na pirmeira mitade do século XIII". 

Hoxe en día o aspecto mudou moitísimo, posto que en pouco se asemella a esa descrición. Na actualidade vemos o resultado dunha arquitectura levada a cabo nos anos 30 (do século XX), na que mudaron moitos aspectos do orixinal. Da vella fábrica románica non queda nada, agás dous capiteis e unha basa situados no exterior da igrexa, no muro de peche do adro, que non concordan moito cos que se describen no "Terra de Melide", posto que a temática dun deles é historiada e fantástica e a outra zoomorfa, a pesar de que se complementan os motivos figurados con elementos vexetais. 

A planta actual é rectangular, cunha sancrstía adosada no extremo norleste. No interior non existe espazo de transición entre a nave e o presbiterio ó non haber arco triunfal. No inicio da nave érguese unha tribuna de madeira á que se accede mediante unha escaleira de dous tramos, o primeiro de pedra con chanzos moldurados, e o segundo de madeira. O teito interior consiste nun artesonado de madeira disposto en plano, que non traduce á cuberta exterior a dúas augas.

Os retablos laterais son do século XVIII, mentras que o frontal data do século XX, a imitación de modelos de deseños clásicos.

No exterior as paredes aparecen revocadas e pintadas de branco ocultando o aparello de cachote da mesma, aínda que os elementos de esquinais, xambas, linteis e antepeitos foron realizados en canteiría de granito.

Respecto ó frontis o investigador local Miguel Ares Rúa, refire que para a súa edificación aproveitouse a pedra da desaparecida Capela da Virxe do Pilar e de San Roque, que estaba situada na aldea de Vilameá, a data que apunta é a do 1818, polo que podería tratarse da que se fala no "Terra de Melide", onde se apunta xa que era moderna.

Sobre a espadana sábese, grazas ás informacións moi detalladas de Miguel Ares Rúa, que contou con varias. A primeira información apunta a que "unha noite de tronada, aló polo ano 1794, un gran lóstrego ao que lle segue un trono inmenso que fai estarrecer a toda a parroquia, fende a campá da igrexa", unha campá que como refire o autor "fora fabricada tan so dezaoito anos antes, no 1780". Mais esa campá de finais do século XVIII, substituíu "a outra do ano 1694, desfeita nas mesmas circunstacias por outra treboada que en mala hora se achegara á parroquia. Sendo tempos de moita miseria e guerra, houbo que esperar vintecatro longos anos ata que no 1818 fose reconstruído o campanario e fundida a nova campá, substituíndo a aquela outra que fora mal ferida tantos anos antes"

A espadana actual, do ano 1818, é bastante sinxela e consta dun primeiro corpo entre dúas cornixas molduradas e voadas, cun campo central con troneira para unha soa campá. Sobre a segunda das cornixas érguese un ático flanqueado por senllos pináculos laterais. Nese mesmo ático emprázase un frontón con tendencia triangular e cunha troneira baleira no seu campo central. Coróase o ático por un remate en bola carente de cruz cumial.

No "Terra de Melide" xa se apuntan diversas patoloxías estruturais que obrigan a realizar obras de reforzamento e estabilización: "toda a eirexa, que é de sillería de pedra de grá, está desplomada polo que se tratou de defendela, engrosando os muros por dentro cun engadido de cachote; vemos por tanto que a edificación xa amosaba a finais dos anos 20 (do século XX), problemas importantes que acabaron dando lugar a esa reedificación realizada a comezos dos anos 30, dando lugar a unha reconstrución que desvirtuou moito as fábricas orixinais, tanto que xa perdeu a ábsida e o arco triunfal do século XIII, substituídos por un tramo novo, que consiste nunha extensión continua das fachadas laterais, imitando tamén o deseño dos vanos.

BIBLIOGRAFÍA:

- Ares Rúa, Miguel: "Notas etnográficas". Publicado no Boletín nº 31 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2018.

-  Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado no ano 2013.

- Carro, Xesús; Camps, Emilio; e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide". Capítulo IV do "Terra de Melide", publicado polo Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

 

Outros elementos do catálogo