Árbores do desaparecido Convento dos Pasionistas
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
No xardín da Residencia da 3ª Idade de Melide podemos observar a día de hoxe catro soberbios exemplares arbóreos que, por sorte, aínda se manteñen e pé neste solar que foi do malogrado convento dos PP Pasionistas de Melide, e que inexplicablemente foi demolido no ano 1998. De toda a impronta da congregación pasionista aínda se manteñen ergueitos e lanzais as catro árbores que, no adro, precedían á fachada neogótica da igrexa conventual.
Primeiramente queremos recuperar as verbas nostálxicas de Mingos Fuciños (“O Convento dos Padres Pasionistas de Melide”, publicado no Boletín nº 10 do CEM-MTM, no ano 1997), quen se refire as árbores do seguinte xeito: “... os tempos trocaron, é verdade, había que reconvertilo, tamén é certo, pero a desfeita da Igrexa, ese é outro cantar. Fago votos para que non pinchen as árbores do adro, é o que nos queda”. ´
No mesmo boletín Xosé Manuel Broz tamén lamenta a desfeita do Convento, que estaba anunciada, mais aínda non tiña acontecido, quen non ten reparos en denunciar o que estaba por vir: “Honra e loubanza ó convento, erguido con suor, dádivas e donacións de xentes do pobo, -memoria agradecida-, agora que está en vísperas dunha irracional transformación, agora que remata a súa Fundación, despois de 84 anos de servizo ó pobo, cumplíuse outra iconoclasia máis: xa se mudou o culto para outra de nova planta o 21 de decembro. O futuro deste edificio será a transformación ou a demolición?. Velaí como se fan suceder as cousas e como se transformaron os obxetivos”.
Ó respecto destas árbores xa atopamos referencias no libro do biólogo e botánico Carlos Rodríguez Dacal titulado “Árboles y arbustos de la Comarca Terra de Melide”, publicado no ano 1985, acompañado por ilustracións a plumilla de Xosé Manuel Broz Rei. Nesta entrada axuntamos as descricións que das árbores fai este eminente investigador quen foi profesor no IES de Melide e Director do Xardín Botánico de Padrón.
Os dous exemplares de meirande porte lindan coa estrada AC-840, e cuxa copa se proxecta e da sombra sobre a mesma, aportando unha sensación de vistosidade e maxestuosidade manifesta, tal e como se pode albiscar dende o mesmo centro da vila de Melide. Os exemplares en cuestión se tratan de senllos Cedros do Atlas “Cedrus Atlántica”, e ós que o profesor alude como “en el Ayuntamiento de Melide se alzan dos magníficos ejemplares a la entrada de la Iglesia del Convento de los Padres Pasionistas”. O autor sostén que a especie é orixinaria da Cordilleira do Atlas e das montañas húmidas e elevadas de Marrocos e Alxeria, e que sería introducido no continente europeo no século XIX. Sen embargo o mesmo autor na páxina 135 do libro entra nunha contradición, xa que sostén que se tratan de Cedros do Himalaia, do que afirma que “el cedro del Atlas se diferencia facilmente del cedro del Himalaya porque sus ramificaciones no son péndulas, las acículas son más cortas y duras y porque sus piñas están excavadas o hundidas en el ápice”.
Os outros dous exemplares situados por detrás destes se corresponden con dous magníficos exemplos de Castiñeiro das Indias (Aesculus Hippocastanum L.). Carlos R. Dacal se refire a eles do seguinte xeito: “De entre los pocos lugares en que han sido vistos hay que resaltar, en el Ayuntamiento de Melide, la pareja de ejemplares majestuosos que se alza a la entrada del Convento de los Padres Pasionistas (Cazallas). O autor sostén que esta variante de castiñeiro é oriunda de Europa oriental e Asia Occidental, sendo introducido en Viena no século XVI e en París no XVII, como árbore ornamental e de sombra e polas súas virtudes medicinais.
Esta árbore, como é ben sabido, é de folla caduca, e por tanto e a xulgar polo porte destes dous exemplares, a caída da folla traducíase nun traballo inxente e sacrificado, que era levado a cabo de bo grao polo Hno. Florentino Arana Irazábal, relixioso do Convento, encargado dos traballos de xardinería e de laboreo na horta do Convento. Tras a súa morte os traballos de recollida da folla foi asumido por outros membros da comunidade, tal é o caso do P. Rosendo (Manuel Díaz González), quen nos ten dito que era unha das ocupacións que o mantiñan entretido tras a súa xubilación como profesor de Literatura do IES de Melide.
Compre sinalar que a procedencia destas árbores exóticas e alóctonas, propias doutras xeografías e latitudes, foron introducidas para ornamento de parques, xardíns públicos e privados (sobre todo dos primeiros) e xardíns botánicos e de recreo, principalmente por misioneiros das diferentes ordes e congregacións relixiosas, tal é o caso que nos ocupa. Nunha foto de comezos do século XX vemos o Convento dos Pasionistas de Melide precedido por dous exemplares de Eucalipto que foron debidamente reemprazados por especies de maior valor paisaxístico.
Finalmente queremos subliñar sobre o froito dos castiñeiros de indias que non sendo comestible, está provisto de propiedades compatibles coa industria cosmética e farmacéutica e que na cultura dos nosos avós soia levarse no peto como amuleto ou obxecto máxico e propiciatorio, non sendo raro ver referencias sobre este tipo de castaña na bibliografía referida a aspectos inherentes ás crenzas tradicionais, ou en museos que tratan estes aspectos. (Así pois, é un dos obxectivos deste Museo a curto prazo: habilitar unha vitrina no que se trate o mundo das crenzas populares).
Con esta entrada pretendemos poñer o aceno en que o patrimonio cultural non é so o monumento construído polo home, senón tamén os valores paisaxísticos e ambientais que lle serven de acompañamento, marco e escenario. Neste caso non se podía disociar Convento e as súas árbores, que servían de antesala e recepción á igrexa. Avogamos pois porque estas árbores senlleiras teñan unha longuísima vida, que nos sobrevivan e que sigan a servir de recordo do malogrado convento e tamén que sigan a contribuír a xerar a calidade ambiental tan beneficiosa para a nosa saúde.
BIBLIOGRAFÍA:
- Fuciños Gómez, Mingos: “O Convento dos Padres Pasionistas de Melide”, publicado no Boletín nº 10 do CEM-MTM, publicado no ano 1997.
- Rodríguez Dacal, Carlos: “Árboles y arbustos de la Comarca Terra de Melide”, publicado no ano 1985,