Lauda gremial da igrexa de Brañas

Lauda gremial da igrexa de Brañas

Información

Tipo: 
Elemento singular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Toques - Santa Mariña de Brañas
Situación detallada: 
Brañas
Cronoloxía: 
Idade Media

Coordenadas

Latitude: 
43º 0´ 8,12 ´´ N
Lonxitude: 
7º 56´ 47,22´W
X: 
585.870,34
Y: 
4.761.603,73
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Entrando na nave da igrexa parroquial de Santa Mariña de Brañas, no lado dereito (é dicir, no da Epístola), atopámonos entre o lousado de pavimentación un magnífico exemplo de lauda de atribución gremial, que lembra a outras existentes en vilas medievais como Noia ou Betanzos.

Na Terra de Melide é o único exemplo conservado deste tipo de laudas con atributos ou ferramentas de traballo que identifican ó oficio do finado, obviamente e pola simboloxía pódese entender que estamos ante o enterramento dun ferreiro, xa que se representan con total claridade unha zafra e uns tenaces empregados na forxa para termar do ferro candente. No caso da zafra, represéntase en altorrelevo mentres que as tenaces aparecen en baixorrelevo trazado mediante liñas incisas. Esta lauda conta cunhas dimensións de 150x50 cm, sendo moi probable que lle falte parte do seu desenvolvemento lonxitudinal e tamén parte do lateral dereito.

A Terra de Melide, ó igual que noutras comarcas galegas, o oficio do ferreiro outrora foi moi relevante, e aínda ó longo do século XX houbo moitas forxas no Concello de Toques, nun oficio que se compaxinaba o traballo do ferro con outro tipo de actividades como carpinteiro, zoqueiro, muiñeiro, canteiro, cesteiro así como traballos agrogandeiros. Así pois era bastante común que o ferreiro desenvolvese distinto tipo de actividades produtivas e artesáns. Mesmamente houbo moitos ferreiros que tamén foron destacados facedores de gaita e músicos populares.

Na vila de Melide documéntase dende época medieval unha confraría, a de Santa Catarina, que regulaba a actividade gremial de zapateiros e de curtidores, pero non se coñece que existira algunha confraría de ámbito gremial no tocante ás artes do ferro. O que si está atestiguada é que a partir de comezos do século XIX, son varios os obradoiros de forxa que se adican entre outras cousas a elaborar reixas, varandas e balcóns de forxa para as arquitecturas urbanas da vila. Neste caso de Brañas a relevancia é manifesta, posto que ademais de ser o único exemplo que conservamos de lauda gremial, sábese que resposta a tipoloxías parellas datadas nos séculos baixomedievais (séculos XIV e XV), polo que a cronoloxía ó redor deses séculos.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os ferreiros na Terra de Melide", publicado no Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1985

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001

Outros elementos do catálogo