Igrexa de Santa Eulalia de Serantes

Igrexa de Santa Eulalia de Serantes

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Santiso - Santaia de Serantes
Situación detallada: 
Eirexe
Cronoloxía: 
Sen definir

Coordenadas

Latitude: 
42º 52´ 17,30´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 1,06´´ W
X: 
578.931,56
Y: 
4.746.994,97
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Serantes é unha das parroquias da Terra de Melide que ten como patrocinio á virxe e mártir Santa Eulalia de Mérida, quen foi martirizada a comezos do Século IV, baixo o Edicto do Emperador Diocleciano. As outras parroquias que contan co patrocinio de Santa Olaia son Santalla de Agrón (Melide) e Santalla de Rairiz (Santiso), o que nos indica unhas orixes antigas das mesmas, ó igual que acontece con outras que se dedicaron á memoria doutras santas recollidas no Martiroloxio Romano, que sofriron as persecucións de diversos emperadores (dende Nerón ata Diocleciano).

Segundo refire Xosé Manuel Broz Rei a parroquia de Serantes xa aparece documentada no ano 1214, baixo o nomenclator Sarantes. 

A Igrexa parroquial é de modestas dimensións, pero conta con elementos que a pesar da súa sobriedade lle confiren un aquel de monumentalidade pola existencia de elementos arcaizantes.

A estrutura amosa unha planta rectangular desenvolta nun único eixo direccional, sen contar con capelas laterais ou con sancristía anexa, que supoñan a ruptura volumétrica. O mesmo acontece nos seus alzados, posto que visto o templo polo exterior non se reproduce a vertebración interior, na que se diferencian os distintos ámbitos: nave, cabeceira e sancristía (situada a continuación do presbiterio), que se distingue polo exterior por estar os seus lenzos enteiramente revocados e encalados.

Os muros da igrexa están realizados nun aparello de cachotaría que presentan un encintado moi groseiro de cemento e acabado encalado, resenvándose o aparello de canteiría e granito para portas, esquinais, sobrepena do tellado e espadana. A fachada principal ou frontis é de canon moi achatado e sobrio, presentando unha porta alintelada e unha espadana sinxela provistadunha troneira para acoller a campá e rematada por unha cornixa disposta a dúas augas e coroada por tres pináculos moldurados.

No interior destaca o arco triunfal de medio punto, sustentado por columnas de sección semicircular rematadas por capiteis de feitura troncopiramidal invertida con colariño que marcan a transición entre estes e as columnas e coas aristas suavizadas en redondo. Entre os capiteis e os arranques do arco triunfal desenvólvense uns cimacios moldurados en caveto. O arco está constituído por dovelas de canteiría lisas, presentando inscricións moi erosionadas e de difícil lectura.

O retablo é de estilo neoclásico, e procede da antiga Igrexa de San Estevo de Pezobrés. Foi no no ano 1768 cando se fai a composición deste retablo, e pode ser que esa data se corresponda co traslado da igrexa románica dende Pezobrés á aldea de San Benito, levando o retablo para a de Serantes, segundo ós datos extraídos do Libro de Fábrica por Xosé Manuel Broz. 

BIBLIOGRAFÍA: 

- "Arquitecturas da Provincia da Coruña": Realizada polo Departamento de Composición da EscolaTécnica Superior de Arquitectura de A Coruña, editado pola Deputación Provincial da Coruña, ano 2007.

- Broz Rei: Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.

 

 

Outros elementos do catálogo