O Castelo/ Os Penedos

O Castelo/ Os Penedos

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Xoán de San Cibrao
Situación detallada: 
Taxón
Cronoloxía: 
Indeterminada

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 41,45´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 59,33´´ W
X: 
578.898,62
Y: 
4.753.292,75
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Este xacemento arqueolóxico recibe diversas denominacións: O Castelo, Os Castelos ou Os Penedos. Incluso na ficha de inventario arqueolóxico da Xunta de Galicia, aparece recollido cos topónimos de "Castro de Vilela" e "Outeiro", vemos por tanto que existen alomenos cinco topónimos para referirse a un único xacemento.

Correspóndese cun xacemento escasamente coñecido a pesar da súa proximidade ó casco urbano de Melide, xa que dista tan só 2 km. dende o cruce de San Roque, en dirección noroeste, unha vez rebasada a aldea de Cabanelas.

Este xacemento trátase dun asentamento fortificado de cronoloxía indeterminada. A priori é identificado como un asentamento castrexo, aínda que en realidade non pode tratarse dun castro como tal, posto que carece de espazo habitacional (non conta cunha croa ou acrópole na que se poderían establecer estruturas de uso doméstico). No seu lugar atopámonos cun promontorio moi elevado de rocha (gneis), de forma irregular e carente de superficies aplanadas. Este promontorio ocupa a parte central do xacemento, e a partir del sucédese un complexo sistema defensivo, correspondéndose cunha doble liña de parapetos nos que se intercalan sendos foxos. A altura do primeiro parapeto, ou interior, é de 1,80/1,90m. respecto ó foxo que se dispón ó redor do promontorio, mentras que a altura conservada do segundo parapeto, ou exterior, é de 1,50m. respecto ó foxo que se intercala entre os dous parapetos.

Estas liñas de defensa interrómpense no cuadrante norleste (comprendido entre o norte e o leste-norleste); podería indicar a localización da entrada ó xacemento, ou ben deberse a desmantelamentos producidos por antigas actividades agrícolas ou forestais.

As medidas xerais do asentamento son de 75m. no eixo norte-sur e de 70m. no eixo leste-oeste, contadas a partir do segundo parapeto ou exterior, que ó mesmo tempo é o que peor se conserva, xa que en zonas está bastante difuso e desmoroado.

A interpretación deste asentamento é moi complexa, porque non responde a patróns propios da cultura castrexa, a pesar do seu caracter fortificado (parapetos e foxos son propios desa cultura, pero chocan co feito de non atoparnos cun espazo de habitación interior). Poderíamos por tanto asistir a un asentamento tipo "mota" que asumiría funcións de índole defensiva e de control, nun marco cronolóxico case imposible de precisar.

No Museo da Terra de Melide exponse unha fusaiola atopada polo Grupo Arqueolóxico Trisquele a finais da década dos 70, ou primeiros dos 80, o que nos levaría a falar dun contexto "doméstico" castrexo, pero que, como se sinalou anteriormente, é certamente pouco probable ó carecer dunha zona de habitación definida (non hai espazo para vivendas, e o promontorio é de relevo pouco proclive para o establecemento dun hábitat, pero si máis susceptible de acoller a unha torre), polo tanto a realidade deste xacemento está sen resolver.

É un xacemento interesante á par de fermoso, xa que a súa morfoloxía é moi sorprendente e porque se ubica nunha paraxe de bosque autóctono, no que predominan árbores frondosas caducifolias, sendo o outono a mellor estación para visitalo.

 

Outros elementos do catálogo