Ruínas da Capela de San Cidre
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
No alto do Monte de San Cidre atópase unha capela, de realización recente en honor a San Cidre, pero a 35m. ó leste da mesma quedan restos dos alicerces da vella capela edificada na Idade Moderna.
A pesar de ser un elemento practicamente desaparecido, non carece de interese por diversos motivos, o primeiro deles é que esta vella capela ergueuse sobre os restos dunha mámoa, que para tal fin tiverona que rebaixar en boa medida (aínda se pode intuir a forma tumular desa mámoa no extremo oeste das ruínas, onde estaba a entrada da ermida). Outro aspecto a destacar é o de que actualmente pode verse o cruceiro da capela, de inicios do século XX, recolocado sobre os restos do muro leste da vella construción, da que non se conservan máis que un par de fiadas (de grandes pedras toscas e irregulares).
No Museo da Terra de Melide exponse unha pía de auga bendita, elaborada en canteiría de granito, procedente desta ermida desaparecida, e datada nos séculos XVIII ou XIX.
Aínda hoxe ten lugar a procesión do San Cidre o día 15 de maio, que parte dende a igrexa parroquial de San Paio de Paradela, pasando polas aldeas de Buxán, A Tillería e San Xulián; e o seu retorno pola aldea de San Cidre, pasando ao carón do castro de Paradela, e polo medio da aldea de Paradela ata a igrexa.
Segundo conta a tradición, nese couto de San Cidre apareceu certo día unha imaxe do santo, e os veciños levárona ata a igrexa da parroquia, pero o santo parecía sentirse máis a gusto no alto do monte, polo que retornou ata alí enriba. Os fregueses volvérnoa a baixar, pero o santo retornou de novo ó monte. Por terceira vez repetíronse os feitos, polo que os veciños determinaron en levalo en procesión ata o couto no día da celebración da festividade de San Cidre. Este acontecemento milagreiro propiciaría a edificación da capela neste cume.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011.
- Martínez Risco, Vicente e Rodríguez Martínez, Amador: "Folklore de Melide", en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.