Igrexa Parroquial de San Xiao do Monte
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
A aldea de San Xiao situada nunha cota moi elevada, a 620 mt. sobre o nivel do mar, conta cun rico e interesante patrimonio histórico-artístico, conformado por un Castro, a igrexa parroquial, unha casa nobiliaria, coñecida como Casa do Pazo ou do Herdeiro (que conta con varias edificacións adxectivas destacadas, entre elas un muíño, un hórreo e tamén un pombal), ademais doutras casas antigas aforadas ó Mosteiro de San Antoíño de Toques.
A igrexa parroquial correspóndese cunha pequena edificación, de tan só 12 mt. de longo e de 6,50 mt de ancho, sendo por tanto a igrexa de dimensións máis modestas existente no Concello de Toques, con todo trátase dunha edificación ben proporcionada e artellada. Consta dunha nave de planta rectangular á que lle sucede unha cabeceira cadrangular, non contando con sancristía adosada como acontece na meirande parte das igrexas da contorna.
Para a súa edificación empregouse aparello de cachotaría que permanece oculta polo recebo e encalado dos seus lenzos. No exterior o máis destacado é o frontis ou fachada principal, na que se abre unha porta con arco rebaixado, sobre a que se sitúa un pequeno óculo de forma oval. Rematando o hastial disponse a espadana de canteiría, dunha soa troneira para acoller unha campá. Sobre ela existe unha cornixa moldurada que serve de sustento do ático e dos pináculos decorativos.
No interior destaca o arco triunfal de medio punto, que arrinca de impostas rectangulares achafranadas ou de nacela, que descansan sobre as xambas laterais.
Tamén é de destacar a pavimentación orixinal da nave, realizada mediante lousas de granito.
O retablo é de estilo Neoclásico datado no século XIX. Presenta corpo e ático. O corpo conta con dúas rúas laterais remarcadas por columnas de fuste liso e capiteis de estilo composto, ademais dun camarín central que alberga a imaxe de San Xiao o Hospitaleiro, patrono da parroquia. Tamén se destaca a policromía do mesmo, xa que é a orixinal, consistente na recreación de mármores xaspeados.
BIBLIOGRAFÍA:
- "Arquitecturas da Provincia da Coruña": Realizada polo Departamento de Composición da EscolaTécnica Superior de Arquitectura de A Coruña, editado pola Deputación Provincial da Coruña, ano 2007.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011.