Hórreo de San Román

Hórreo de San Román

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Moi bo
Concello - Parroquia: 
Santiso - San Pedro de San Román
Situación detallada: 
Trasirexe
Cronoloxía: 
1808

Coordenadas

Latitude: 
42º 53´ 56,84´´ N
Lonxitude: 
8º 5´ 9,44´´ W
X: 
574.624,29
Y: 
4.750.017,72

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Este hórreo coñecido como Hórreo da Casa de Don Pedro é un dos máis antigos da Terra de Melide. Foi construído no ano 1808, como se pode ver na inscrición que figura no frontal do penal sobre a porta. Segundo Xosé Manuel Broz pode ser que o mandase construir o escribán José Sánchez y Rúa, propietario desa casa nese ano. A casa é coñecida na actualidade como Casa de Don Pedro, polo seu propietario Don Pedro Sánchez Rapela, pai do citado escribán.

O hórreo foi restaurado recentemente, mantendo a súa estrutura e fisonomía orixinal, polo que o seu estado de conservación é moi destacado.

Trátase dun hórreo de bo porte, duns 13 mt. de longo, artellado en dúas estremas con moito desenvolvemento lonxitudinal. A estrutura do hórreo descansa sobre tres pes rectangulares feitos en cachotaría de gneis; conta coa particularidade de completar o apoio das mesas, sobre uns piares monolíticos de lousa gris, no seu punto central. Sobre os tres pes e sobre os catro piares complementarios dispóñense os tornarratos que serven de asento das mesas, testeiro, e columnas (realizados estes dous últimos en aparello de canteiría de granito).

O entramado do hórreo está realizado en carpintería de madeira (contracolumnas, barretas, ladeiros e armazón do tellado). O máis destacable deste hórreo é a inscrición que figura no testeiro, que dí: "Año de 1808". Entre o "de" e o "1808" aparece gravada unha cruz latina rematada en bolas e apoiada sobre unha basa trapezoidal. Este dato confirma a antigüidade do hórreo, sendo o segundo máis antigo, en base á inscrición, do Concello de Santiso (despois do de Barazón, costeado por Don Antonio Boquete no ano de 1793).

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.

 

Outros elementos do catálogo