Hórreo en Gondollín

Hórreo en Gondollín

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Martiño de Gondollín
Situación detallada: 
Gondollín
Cronoloxía: 
Fins século XIX - inicios do XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 56´ 48,69´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 19,45´´ W
X: 
579.778,51
Y: 
4.755.377,37
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea de Gondollín sitúanse dous dos hórreos máis sobranceiros do Concello de Melide. Un deles ubícase na encrucillada de pistas existente no medio da aldea. Destaca ademais de polas súas dimensións, por situarse sobre o muro de peche dunha eira e sobre a portada de acceso á mesma.

Trátase dun magnífico exemplar de hórreo de tres estremas (tramos), aínda que o seu estado de conservación actual é bastante deficiente, acusándose importantes deterioros na súa cuberta. Correspóndese co típico hórreo da Terra de Melide no que se conxugan elementos estruturais en pedra con carpintería de madeira complementaria. Conta con pes ou perpiaños de cantería de sección de perfil moldurado como é acostumado nos hórreos desta bisbarra.

Estruturalmente ademais dos pes de basamento conta cunha basa suspendida conformada polos tornarratos de cantería asentados sobre os ditos pes, sobre os que se dispoñen os xugos e as mesas que serven de piso da cámara do hórreo.

As estremas defínense polos elementos verticais de cantería, denominados ucheiras ou columnas que entre elas se desenvolve o sistema de peche da cámara do hórreo denominado como ladeiros, no que se colocan listóns de madeira separados entre si, que van xunguidos por unha barreta disposta en horizontal, de xeito paralelo e intermedio entre a mesa e as padias do hórreo (mesa superior do hórreo). As padias actúan de soporte do entramado de madeira do tellado, disposto a dúas augas e cuberto con tella do país. Sobre os testeiros da cuberta soíanse colocar pináculos e cruces, ausentes neste hórreo concreto.

A porta da cámara sitúase no extremo oriental mentres que no oposto atópase o testeiro que en vez de ser de pedra ou de madeira é de ladrillo oco, claramente obxecto dunha remodelación a posteriori.

Este modelo de hórreos sobre entradas de curros e eiras de casas de labor non é raro no Concello de Melide, posto que son varios os que respostan a este patrón, como un existente na Praza das Ichoas de Melide, na aldea do Ribeiro (Os Ánxeles) ou na de Castelo (O Barreiro).

Esta característica ademais de outorgarlle singularidade á propiedade tamén conta cunha grande vantaxe, posto que a súa destacada elevación favorece a ventilación do produto almacenado.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Melide”. Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Construción dun hórreo tradicional”. Publicado no Boletín nº 18 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2005.

- Fraga García, Ramón: “Notas etnolingüísticas da Terra de Melide (VI)”. Publicado no Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2016.

Outros elementos do catálogo