Igrexa de Santiago de Liñares

Igrexa de Santiago de Liñares

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Santiso - Santiago de Liñares
Situación detallada: 
Liñares
Cronoloxía: 
Séculos XVII-XVIII

Coordenadas

Latitude: 
42º 53´ 14,07´´ N
Lonxitude: 
8º 3´ 33,37´´ W
X: 
586.817,62
Y: 
4.748.722,51
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A aldea de Liñares sitúase nun interfluvio ou divisoria de augas comprendida entre o rego Portichela e rego do Outeiro. Nese lugar existe un interesante patrimonio artístico destacándose a Casa Grande ou Pazo, a igrexa e o seu cruceiro parroquial.

En primeiro lugar e como dato salientable, recolleremos en verbas de Nicandro Ares Vázquez, como “esta parroquia, nomeada Sanctus Iacobus de Linares nun documento do ano 1285 foi preiteada polas Mitras de Lugo e Mondoñedo [...]. Parece claro que este topónimo alude a predios abundantes en liño, linum en latín, a carón dos cales fóronse construíndo casas, que constitúen a aldea de Liñares, quizabes perduración daquela Villam de Linares do no 897...”.

Estes datos xa nos apuntan unha antigüidade manifesta desta parroquia. Mais en todo caso a igrexa parroquial resposta a un estilo Barroco do século XVII-XVIII, que non hai moitos anos se tentou convertela en Neorrománica con aderezos anacrónicos que mudaron significativamente a estampa desta igrexa parroquial rural, do mesmo xeito que aconteceu na igrexa parroquial de Santa Eufemia do Monte situada no Concello de Toques, coñecida comunmente como igrexa de Santa Uxía.

Trátase dunha edificación constituída por unha nave e cabeceiras rectangulares, á que se lle adosa unha sancristía pola banda meridional, na oposta á entrada principal do Pazo ou Casa Grande. O máis destacado do seu exterior é o seu frontis ou fachada occidental, xa que os outros vanos ou ventás non amosan interese por tratarse da adecuación a eses parámetros Neorrománicos dos que xa se deu conta e que o único que fan é producir unha ruptura estilística demasiado evidente e chocante. No frontis destácase a monumental portada en arco de medio punto, constituída por grandes doelas de cantería sostidas por xambas igualmente de aparello de cantería de granito, cuxas arestas aparecen decoradas con moldurado. 

Tamén orixinal é a espadana dunha soa troneira para campás e cun ático con remates de pináculos moldurados nos dous extremos e no cumio, sobre o que alza a cruz de ferro cimeira.

Os muros exteriores, sen enlucir, deixan ver o aparello de cachote, na actualidade coas xuntas encintadas, e o aparello de cantería empregado nos esquinais, portas, espadana, sobrepenas dos aleiros e pináculos de remates.

No interior, como recolle Xosé Manuel Broz Rei, pode verse un arco triunfal lixeiramente apuntado, constituído por doelas de cantería de granito, sostidas sobre impostas que sobresaen dos machóns laterais. Este autor comenta que o arco “documéntase no ano 1768 (Libro de Fábrica), data na que foi reconstruído, elevado e ampliado, engadindo doelas arredor da clave, conformando un arco algo apuntado, o que confirma a súa alteración”.

O retablo de estilo barroco, é segundo Broz “atribuíble ó taller ou seguidores de Mateo de Prado; analizando a súa decoración, con emprego de volutas, frisos de acabados, tipo de molduras de follas, medias estípites decoradas con semicírculos, botóns e tipos de volutas. Datado no ano 1740...

BIBLIOGRAFÍA:

- Ares Vázquez, Nicandro: “Onomástica parroquial do concello de Santiso”, publicado no Boletín nº 10 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, 1997.

- Broz Rei, Xosé Manuel: ”Santiso na Terra de Abeancos”, 2013.

Outros elementos do catálogo