Muíño de Arriba de Trasmundi

Muíño de Arriba de Trasmundi

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Xoán de San Cibrao
Situación detallada: 
Muíños de Trasmundi
Cronoloxía: 
Século XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 47,28´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 29,71´´ W
X: 
578.235,60
Y: 
4.753.386,22
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Os dous muíños de Trasmundi, xunto ás súas pontellas e canles, constitúen un conxunto de arquitectura popular de alto interese etnográfico, á par de medioambiental, situado no curso medio do río Catasol.

Existen dous pequenos muíños ou "rouchos", un para a moenda de trigo (Muíño de Arriba) e o outro para a moenda de millo (Muíño de Abaixo).

O muíño de arriba é o máis grande dos dous, presentando unhas medidas de 6 mt. de longo por 4,50 mt. de ancho. Consta dunha edificación dunha soa planta realizada en aparello de cachotaría rústica moi ben disposta, aínda que unha parte está refeita con bloques de formigón, o que afea á edificación. O tellado disponse a dúas augas e vai cuberto con tella curva do país.

No extremo norte disponse a canle de abastecemento de auga, de desenvolvemento moi alongado que remata nun pozo ou cubo de entrada de auga, no que asemade se atopa unha pedra ou mesa de lavar, polo que dito pozo serve tanto de acumulador de caudal coma de lavadoiro.

No interior do muíño (ou tremiñado) poden verse toda a maquinaria da moenda en bo estado de conservación, tanto que aínda está en funcionamento, o que lle outorga un interese engadido manifesto, posto que é dos poucos muíños existentes na comarca que segue en uso.

Na marxe sur pode verse n interior do "inferno", o rodicio do roucho en perfecto estado de conservación, posto que aínda desenvolve o seu cometido orixinal, ademais da canle de saída das augas. 

Outro aspecto característico deste tipo de edificacións é a presenza de cruces de protección gravadas nas portas de entrada ó muíño, para arredar ó meigallo que podería estragar a moenda. Neste caso podémolas ver representadas nas xambas da porta lateral (situada no lenzo norte).

Estes dous muíños foron construídos por Antonio Varela Espiño, e hoxe segue a moer Jesús Montero, un descendente en terceira xeración, que aínda continúa coa actividade para non deixar que se perda o oficio e a tradición familiar.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O Río Catasol". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.

 

Outros elementos do catálogo