Neveiro de Os Codesás

Neveiro de Os Codesás

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Regular
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Toques - Santa María da Capela
Situación detallada: 
Codesás
Cronoloxía: 
Século XVII

Coordenadas

Latitude: 
42º 58´ 50,96´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 3,89´´ W
X: 
581.445,86
Y: 
4.759.169,18
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na vertente oriental do Couto dos Codesás, a unha altitude de 730 metros sobre o nivel do mar, sitúase unha das neveiras ou neveiros que existiron nesta zona, xa dende o século XVII.

Este tipo de estruturas artificiais concibidas para a formación intencional de bloques de xeo para a conservación en frío de alimentos, emprazábanse sempre en zonas de relevo elevado e frías, nas que nos  meses de inverno as nevadas foran bastante frecuentes. A estrutura respostaba a un plantexamento moi enxeñoso e práctico, que se traducía na execución dun pozo fondo de planta circular ou ovalada, practicamente soterrado e escavado no terreo natural, con paredes paramentadas e cuberto mediante unha teitume de madeira en disposición cónica (semellante a dos pombais) e tellada. 

Do sistema de produción de xeo da conta Broz Rei no libro" Santantoíño de Toques" de maneira moi detallada, en base a informacións orais dos veciños da Capela, que agora reproducimos literalmente para non restar interese documental: "...No mes de novembro limpábase o terreo e a neveira, retellábase e arranxábase no necesario para comezar a nova tempada da recolleita das primeiras neves... pasando moito frío, recollendo a neve de cerca ó lonxe para non manchala... moi traballoso e pesado, porque a neve pesa, mailo frío e o vento, no cume do monte... E logo pisala a xeito, cos zocos forrados con tea de liño, facendo capas duns 30 cm., e entre capa e capa estender a palla centea para illar unhas doutras, para logo cortalas mellor, capa a capa...". O sistema vemos que resultaba moi práctico, posto que a neve había que dispoñela en capas regulares separadas por películas de palla estendida coa finalidade de que unha vez prensada e comprimida, para poder convertirse en xeo, puidera ser cortada en bloques ou barras rectangulares.

A propiedade deste neveiro era do Mosteiro de San Antoíño de Toques, quen a constrúe no ano 1617, supoñendo un custe de 4000 reais como figura nun legaxo do Arquivo Histórico Universitario, nos seguintes termos: "Este Monasterio hiço una nebera en monte de Montoto que costó 4000 Rs. el año de 1617 y después los Señores de la Real Audiencia la pidieron en fuero y se obligaron a dar cada año doce carros de niebe y el monastº a de yr por ella passo ante Jorxe das Seixas año de 1632". 

Tamén refire Broz que ademais desta neveira houbo outra en Codesoso nun lugar coñecido coma  Alto Paso e que era propiedade da Fortaleza de San Paio de Narla, pero da que non se conservan restos, agás dos seus desaugadoiros. Ademais tamén alude á importancia do transporte do xeo dende as neveiras ata A Coruña por parte de arrieiros, cuxa actividade se recolle no Catastro do Marqués de Ensenada, reflectindo que no ano 1753 habñia en Santa Uxía dous arrieiros e na Capela oito arrieiros da neve. Tamén na parroquia de San Pedro de Folladela (Melide) figuraba que había outros dous arrieiros que tamén traballaban de labradores. Estes arrieiros ó regresar de Betanzos traían de volta sal, posiblemente procedente do alfolí situado xa dende época medieval, na ribeira do Mandeo, e que aínda se conserva dito edificio na actualidade, coa finalidade de comerciar con ela. Deste traxín da sal existen abondosas referencias documentais como as que refiren que dende Betanzos se transportaba sal para uso do Mosteiro de Sobrado dos Monxes polos camiños reais da zona da Castellana, de feito aínda perdura o topónimo de Costa da Sal.

A actividade do neveiro dos Codesás cesa no século XIX, sabéndose que no ano 1812 xa estaba arruinada.

Hoxe en día podese ver bastante ben o oco do pozo da neveira, consistente nunha depresión do terreo de planta circular, aínda que apenas se distinguen os muros de contención do pozo por estar invadidos de vexetación, tanto arbustiva como arbórea. A profundidade sería bastante maior da que se pode ver na actualidade, posto que boa parte do pozo amósase colmatado por terra e entullos. Tamén foi obxecto de verquidos en época recente, motivados polo ensanchamento da pista de terra que discorre ó carón da neveira pola súa banda occidental, e tamén por ser empregada polos veciños como lugar de vertedoiro de restos de podas, rozas e demais actividade agraria.

De procederse a unha acción rehabilitadora, coa conseguinte actuación arqueolóxica, poderían documentarse os principais elementos estruturais da mesma, no que se atinxe ós seus alzados feitos con cachotaría de pedra disposta a óso, ademais da súa soleira de base e os seus sistemas de drenaxe e evacuación das augas producidas pola desconxelación das capas inferiores.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no ano 2011.

- Gómez Buxán, Cesar: "Industrias y oficios na Terra de Melide nos anos centrais do século XVIII", publicado no Boletín nº 20 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2007.

Outros elementos do catálogo