Capela do Carme

Capela do Carme

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Melide
Situación detallada: 
O Castelo, Melide
Cronoloxía: 
Ano 1741

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 48,63´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 7,32´´ W
X: 
580.096,52
Y: 
4.751.677,06

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A Capela do Carme sitúase no punto máis alto da vila de Melide, onde na Idade do Ferro houbo un castro que se mantivo habitado incluso en época romana. Nese mesmo emprazamento ergueuse na Idade Media un castelo propiedade da Mitra Compostelá, derrubado polos Irmandiños no ano 1467.

A Capela do Carme edificouse no ano 1741, polo presbítero Don Blas Núñez de Segade coa colaboración da veciñanza e coa xenerosa aportación do seu curmán, o tamén crego, Don José Núñez Salgado. O motivo que levou a edificar unha capela á Virxe do Carme (tratándose máis ben dunha advocación de veneración mariñeira), debeuse a que acudira a Melide a predicar o frade carmelita, Frei Colmenero, quen ensalza a advocación mariana do Monte Carmelo, prendendo fondamente na sensibilidade dos veciños de Melide. 

O templo representa un característico exemplo de arquitectura Barroca de estilo Compostelán, da metade do século XVIII. Estruturalmente consta de nave, presbiterio e sancristía lateral adosada. Na arquitectura destácase a fachada occidental, ou frontis, na que se abre a portada de deseño alintelado con decoración moldurada remarcando a porta. Sobre esta disponse un frontón triangular partido, en cuxo centro se abre unha fornela que acolle a imaxe en pedra da Virxe do Carme co Neno en brazos, e ós seus pés aparece a imaxe de San Simón axeonllado. Tamén é de destacar a espadana, de deseño compostelán e tipoloxía carmelita, que presenta dúas troneiras para as campás, rematada por aletóns e pináculos.

No interior destaca o retablo de estilo Barroco de estípites (columnas en forma de pirámides invertidas), artellado en tres rúas. Na central disponse un camarín adiantado cun camarín no centro que acolle a imaxe da Virxe do Carme, de estilo propio de obradoiro compostelán (posiblemente feita no obradoiro de Gambino-Ferreiro), o que se deduce tanto pola calidade como polas pautas estilísticas desta imaxe. Nas rúas laterais ábrense sendas fornelas que albergan as imaxes de San Xosé e do santo mercedario San Ramón Nonato.

Aínda hoxe pervive na vila de Melide unha gran devoción pola Virxe do Carme, que conta cunha numerosa confraría que fora constituída polo propio Blas Núñez de Segade no século XVIII.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Vila de Melide", ano 2016.

- Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

 

 

 

Outros elementos do catálogo