Palleira/pendello no Meire

Palleira/pendello no Meire

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro do Meire
Situación detallada: 
O Meire
Cronoloxía: 
Descoñecida

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 18,85´´ N
Lonxitude: 
7º 57´ 44,98´´ W
X: 
584.695,67
Y: 
4.750.813,69
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A aldea do Meire, situada a 500 mt. de altitude trátase dun núcleo de poboación moi compacto, con moitas edificacións concentradas, determinando un urbanismo pechado. Destaca polas casas antigas dispostas nun trazado, por así dicilo, medieval.

Entre as edificacións mestúranse unidades habitacionais de vivendas unifamiliares en combinación con diversas edificacións adxectivas e complementarias, necesarias para cubrir as necesidades da casa.

Ademais de cortes, alboios e hórreros existen edificacións de gran capacidade coma este exemplo de palleira/pendello, que tanto serve para gardar o carro e os apeiros de labranza como para almacenar a palla e a herba. Vicente Risco no "Terra de Melide", define con moita claridade este tipo de edificacións que en moitos casos eran de uso mixto. Respecto á palleira asevera que: "a palleira ou pallar coma tamén lle chaman algúns, sirve pra gardal-a palla e sobre todo a herba, mantenza principal do gado. É de varios tipos, xa pechada toda de parede, com´unha corte, anque case sempre co-a porta moito máis grande, ou pechada por tres lado de parede, com´os pendellos, e pol-o frente de táboas, ou parte de parede parte de táboas, ou feita na maor parte de táboas sobr´un zócalo de pedra. Pol-o xeral, antre as táboas, dispostas verticalmente deixase certo espazo pra que pase o ar e conserve a herba ventilada e seca. Tamén pode faltar a palleira, ou estar formando parte do pendello". E respecto ó pendello Vicente Risco di que: "o pendello sirve pra ter n-il o carro, os trebellos e ferramentas de labranza, o carro de mallar o millo, a pía de pical-os toxos, o lagar, etcétera. Pol-o xeral é pechado con parede por tres lados e aberto pol-o frente que da ó curral ou aira, tendo por esta parte que enfica en vao, si é longo, pra sorter o tellado, un piar cadrado de cachote ou de gra, ou unha columna cilíndrica de forras ou un esteo de madeira no que apoya o centro da trabe da beira do tellado. Moitas veces, o pendello está feito a continuación da casa ou d´algunha corte arredada d´ela, ou da palleira, i entón unha das paredes é a d´un dos frentes ou lados menores da casa ou corte, e o tellado é seguido, sen solución de continuidade. Cando a casa non é moi rica, ou o pendello é grande, tamén sole acontecer que unah parte d´il estea destiñada a palleira".

Neste caso do Meire vemos por tanto, que se trata dunha edificación de gran tamaño  que mide uns 14 mt. no eixo Leste-Oeste por 7 mt. no eixo Norte-Sur. Ditas medidas tradúcense nunha planta rectangular case perfecta realizada nunha proporción de 2 a 1, dito doutro xeito defínese coma un volume concibido en base a dous cadrados anexos, determinando un rectángulo. Esta edificación resume en boa medida todo o apuntado polo etnógrafo e folclorista do Seminario de Estudios Galegos, toda vez que este exemplo conxuga as principais características deste tipo de edificacións complementarias ou subordinadas, cunha funcionalidade esencialmente para almacenaxe, tanto da herba seca como do cereal e da palla, xunto ós apeiros de labranza. 

Esta palleira do Meire foi realizada en aparello de cachotaría de pedra do país (rochas ultrabásicas), de pedras irregulares moi ben racheadiñas. Ten cara ó sur unha parte aberta cara a eira e sostida por un piar de planta cadrada, para soster da viga lateral do tellado, que se dispón a tres augas. O lateral contrario, o que mira ó Norte, é completamente cego, e sepárase mediante unha pasantía a xeito de corrupia, da propiedade veciñal. Cara o Leste, no espazo que se abre a unha encrucillada de pistas, de paso público, a parede é maciza ata media altura, e pechada mediante táboas dispostas en vertical con separación entre elas, concibida para favorecer unha adecuada ventilación da mateira vexetal alí almacenada.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Fraga García: Ramón: "Notas etnolingüísticas da Terra de Melide (VI). Publicado no Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2016.

- Risco, Vicente: "Estudo etnográfico da Terra de Melide", capítulo V do "Terra de Melide", publicado polo Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

Outros elementos do catálogo