Pazo das Figueiras

Pazo das Figueiras

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Folladela
Situación detallada: 
As Figueiras, San Pedro de Folladela, Melide
Cronoloxía: 
Século XVIII

Coordenadas

Latitude: 
42º 57´ 32,14´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 56,28´´ W
X: 
580.287,72
Y: 
4.756.724
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea das Figueiras localízase unha completa edificación pacega, que recolle o conxunto de elementos que definen a este tipo de arquitecturas señoriais, ó estar provista de capela, pombal e ciprés.

Trátase este pazo, xunto co de Tarrío (na parroquia de Xubial), os únicos que poden considerarse como tal no termo municipal de Melide, aínda que existen bastantes Casas Grandes con blasóns, pero que non respostan ós parámetros estruturais que definen un pazo, senón a casas solariegas.

Neste pazo das Figueiras naceu o bispo Don Juan Varela Fondevila no ano 1721, e que finou no ano 1785. Este prelado foi bispo auxiliar do arcebispo compostelá Don Bartolomé De Rajoy y Losada (promotor do Pazo de Raxoi da Praza do Obradoiro). Ademais foi Xuiz Eclesiástico, Vicario Xeneral,  Xuiz Metropolitano e Bispo de Tanes. Este pazo tamén foi berce de Don Pedro Varela Fondevila, quen foi Alcalde e Xustiza Ordinario da cidade compostelá.

Como refire Don Antón Taboada Roca no Terra de Melide, o pazo foi edificado en diferentes fases: "... O primitivo era de pequenas proporcións, a Capela constrúese no ano de 1777, ó parcer tamén nese ano lle engadiron o novo corpo da Casa. Do tempo de Don Saturnino Calderón son as derradeiras modificacións". 

Do conxunto destácanse varias edificacións: a Casa do Pazo e o seu engadido (o referido por Taboada Roca); a Casa de servidume ou dos caseiros; o hórreo; a palleira; o pombal e sobre todo a súa Capela. 

Da casa, artellada en dúas alturas e cunha planta en forma de T, sobresaen as súas pedras armeiras e a súa rexa cheminea. O máis destacado é o escudo situado no penal da fachada leste (a que se situa enfronte á Capela). É un escudo de grandes dimensións, en perfecto estado de conservación grazas a estar situado nunha parede resgardada das inclemencias do tempo. Aparece timbrado por un elmo de perfil mirando cara a dereita e está distribuído en catro cuarteis: no primeiro vese un anxo e dúas filas de tres flores de lis (emblema dos Fondevila); no segundo cinco varas verticais (apelido Varela); no terceiro un brazo de cabaleiro flexionado sostendo na man unhas ramallas ou espigas; e no cuarto unha aguia (apelido Aguiar). No esquinal dese mesmo lenzo, no ángulo surleste sitúase un reloxo de sol disposto en chaflán.

Na fachada principal, orientada cara ó norte e aberta ó patio, ábrese a porta principal á que se accede mediante unha escaleira de deseño piramidal, composta de cinco chanzos moldurados. Sobre o lintel desta porta principal aparece unha pedra armeira rectangular que contén un anxo e seis flores de lis (do apelido Fondevila), e mesmo o lintel está provisto dun motivo decorativo consistente nunha venera sobre voluta.

Na ampliación anexa situada cara ó oeste e en posición adianteda, pode verse entre as ventás do corpo superior, outro escudo timbrado por un elmo mirando de fronte, e artellado igua lque o anterior en catro cuarteis: no primeiro aparecen os escaques dos Ulloa; no segundo unha árbore (emblema dos Cordido); no terceiro tres flores de lis e tres varas en horizontal (do apelido Varela) e no cuarto unha pomba (dos Seixas).

Artéllanse igualmente ó redor do patio a casa dos caseiros, un gran hórreo de 17 metros de longo situado a unha altura elevada sobre cepa corrida, aínda que na actualidade se amosa en estado ruinoso, ademais da palleira que se sitúa no extremo oeste cara ó Bocelo.

A Capela tamén é un elemento sobresaínte no conxunto. Construída no ano 1777, en estilo Barroco por Don Juan Varela Fondevila, destaca polo seu frontis no que se pode apreciar a espadana dunha soa troneira para a campá, singularizada polo labrado das súas caras en bandas rebaixadas en vertical, e polo seu remate en forma de frontón triangular con aletóns traducidos en volutas e con pináculo esbelto coroado por unha cruz de ferro con veleta. E tamén no frontis pode distinguirse outro escudo de armas en mal estado de conservación, por causas da erosión. Correspóndese co escudo do bispo Varela Fondevila, que aínda a pesar da mala conservación, pode verse que se trata dun blasón moi elaborado no que aparecen os emblemas episcopais: capelo, borlas, cruz sobre unha coroa real e cuartalado cos apelidos Fondevila, Varela, man con ramallo ou espiga (apelido sen identificar) e por último Seixas. Na parte central superponse a estes o escudo de armas de Castela e León.

 No interior destaca o seu retablo de estilo Neoclásico con oramentación Rococó, restaurado na década dos 90. E tamén son salientables as pinturas murais dos lenzos laterais, dende o retablo ata a tribuna, simulando telas de Damasco con decoración vexetal e sobre a imitación dun basamento de mármore.

Xa por último cabe sinalar a presenza do pombal situado na parte traseira da Capela, en dirección surleste. No seu interior consérvanse en moi bo estado as celdiñas ou nidais realizados en lousas de gneis, distribuídas en reas.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

- Taboada  Roca, Antón: "Notas Históricas", en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

Outros elementos do catálogo