Cruceiro da Capela
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
O cruceiro da Capela sitúase nas inmediacións da igrexa prerrománica de Santa María da Capela, ó carón do campanario exento da mesma. Trátase dun cruceiro construído no ano 1889, como pode verse nun dos laterais do fuste, no seu remate baixo o capitel.
Este cruceiro atópase en mal estado de conservación, sobre todo polo preocupante estado de inclinación que presenta, con vencemento cara ó oeste.
Estructuralmente conta con catro elementos: pedestal, varal, capitel e cruz.
O pedestal presenta un deseño sinxelo e bastante tosco, consistente nun bloque de forma cúbica. Serve de basamento dun fuste de sección octogonal (ochavada), con extremos en sección cadrada, que como xa se indicou no superior amosa a data na que foi realizado. O capitel é o elemento máis característico do mesmo, posto que a pesar de ser un capitel con decoración xeométrica, conta con bastante graza xa que presenta unha solución de filetes dispostos a xeito de escaleira troncopiramidal invertida, debuxándose no filete central unha greca denticulada, a xeito de almeado invertido. A cruz carece de figuración e conta con dous traveseiros de sección romboidal.
Broz Rei apunta que "foi movido algo de sitio. As festividades que se celebran son polo San Blas, avogoso dos males da gorxa, facendo a puxa das linguas, o 2 de febreiro; A Santa Cruz o 3 de maio, bendecindo as cruces que logo póñense polos extremos das leiras pra protexer as terras; e polo San Antolín o 2 de setembro".
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide", publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado n oano 2011.