Pasais de Petos

Pasais de Petos

Información

Tipo: 
Ponte
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Xoán de Furelos
Situación detallada: 
Petos
Cronoloxía: 
Indeterminada

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 7,38´´ N
Lonxitude: 
7º 59´ 25,38´´ W
X: 
582.400,88
Y: 
4.752.282,87
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A unha distancia duns 650 metros ó norte da praia fluvial de Melide localízanse os pasais de Petos sobre o Río Furelos.

Están situados nunha zona ancha e de escasa fondura, que se aproveitou como porto ou vao natural para poder cruzar o río con carros e cabaleirías, complementado pola disposición dunha ringleira lineal de pedras discontinuas emerxentes para poder cruzar as persoas sen necesidade de mollar os pes. 

Contabilízanse na actualidade un total de 21 pasos (posto que xa se produciu a perda dalgún), abranguendo uns 22 metros de longo aproximados, en liña recta. 

Na marxe dereita ou oeste do Furelos, á altura dos pasais asístese á desembocadura do río da Martagona, tamén chamado río Grande ou río de Pedrouzos. Este curso fluvial, tributario do Furelos, foi represado xusto antes da desembocadura para iniciar unha canle de abastecemento dun muíño. Deses muíños "de Petos", xa se da conta no "Terra de Melide" nunha cantiga que narra nunha estrofa:

                                      "Adiós, calles de Mellí;

                                       adiós, Campo de San Roque;

                                       adiós, muíños de Petos;

                                      adiós, taberna do Forte"

Ambas circunstancias, a da desembocadura do río tributario e a modificación realizada no cauce para crear a represa e a canle para abastecemento do muíño, determinaron o establecemento de diversas estruturas tradicionais artificiais de paso, para uso dos arrieiros que salvaban este porto fluvial. Por un lado a construción dunha pontella sobre o rego da Martagona, antes de producirse  o estancamento da represa, aínda que en datas recentes resultou seriamente afectada pola instalación dunhas tubaxes de formigón, e por  procederse o formigonado directo sobre as lousas ou chantas horizontais que constitúen o seu taboleiro. A continuación da pontella consérvase un camiño ou paso empedrado con pedras dispostas en chapacuña, e que se anegan antes de chegar á marxe do Furelos, debido ó rebordamento do río da Martagona. E xa por último as circunstancias de conducción de augas excedentarias do río secundario, obrigaron á construción dunha segunda pontella situada na beira do Furelos, estando constituída por tres grandes chantas dispostas en plano.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Etnografía de Melide", publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001.

- Risco, Vicente e Rodríguez Martínez, Amador: "Folklore de Melide", Capítulo VI do "Terra de Melide", do Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

Outros elementos do catálogo