Ponte do muíño de Penas

Ponte do muíño de Penas

Información

Tipo: 
Ponte
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María de Melide
Situación detallada: 
Penas
Cronoloxía: 
Indeterminada

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 40,48´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 27,82´´ W
X: 
578.274,21
Y: 
4.751.404,64

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A vella ponte de Penas sobre o río Catasol, atopámola ó carón do muíño de Frade, e paralela á actual ponte feita mediante tubos de formigón, pola que discorre a pista que leva ata Campos. 

A ponte de Penas é unha pontella tradicional concibida para o uso e acceso ó muíño. Consiste nunha construcción arquitrabada sinxela que consta de estribos e piar central realizados en aparello de cachotaría, sobre os que se dispoñen unhas grandes laxes rectangulares, bastante ben regularizadas, para conformar a plataforma superior. Esta plataforma ou taboleiro consta de dous tramos conformados, en orixe, por tres laxes cada un; e dotados dun ancho suficiente para poder acceder ó muíño con animais, e mesmo cun pequeno carro.  

Na actualidade foron movidas dúas das lousas da marxe leste, que deberían ser restituídas para recuperar o seu aspecto orixinal.

Esta pontiga é moi semellante ás do muíño de Trasmundi (nas Cazallas) ou a do muíño de Traspedra (en San Cosme de Abeancos), todas elas sobre o río Catasol e realizadas igualmente para darlle servizo ós muíños.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O Río Catasol". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.

 

Outros elementos do catálogo