Cruceiro de Maceda

Cruceiro de Maceda

Información

Tipo: 
Cruceiro
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Maceda
Situación detallada: 
San Pedro
Cronoloxía: 
Século XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 57´ 7,62´´ N
Lonxitude: 
8º 4´ 15,74´´ W
X: 
575.750,57
Y: 
4.755.947,51
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

O cruceiro de Maceda ubícase nunha encrucillada de pistas situada ó carón do adro da igrexa parroquial, a unha distancia de 20 m ó sur do templo. A pesar do seu estado de conservación bastante deficiente e por tratarse dun elemento realizado practicamente todo en cemento, ten a súa singularidade, posto que é obra dun dos máis destacados artistas populares que houbo na Terra de Melide, chamado Ángel García Agra, que era coñecido como Anxo de Carmela, veciño da aldea de Castiñeiroa, situada na mesma parroquia.

Era un home moi arteiro que se desenvolvía con total solvencia en moitos campos, como de albanel, canteiro, carpinteiro, ferreiro, torneiro, zoqueiro así como escultor e tallista. Son moitas e destacadas as obras que se denvolveu na súa parroquia e na veciña de Orois, sendo o artífice do retablo da Inmaculada da igrexa de Maceda, dos cruceiros de Maceda e de Orois e tamén de moitos dos hórreos de cemento e madeira, existentes en Maceda, Santalla de Agrón ou Zas de Rei. Tamén construíu algúns dos muíños existentes nos regos destas freguesías setentrionais do concello de Melide. Anxo de Carmela na súa mocidade emigrou a Cuba xunto cun irmán e como recolle Broz Rei: "cando voltaron trouxeron tanta ferramenta que cargaban dos carros". Para a realización de remates de hórreos e elementos de cruceiros empregaba moldes que trouxera de Cuba nos que verquía o cemento para poder facer o baleirado e obter a forma desexada.

O emprego deste tipo de moldes fíxose moi extensivo naqueles anos das décadas de 1930 e 1940, así pois vemos como no caso do cruceiro de Maceda conta con cruz feita a molde, cun deseño escasamente incardinado na tipoloxía propia das cruces de cruceiro desta zona. O elemento sitúase nun plano desnivelado, polo que está erguido sobre un bloque cúbico de cemento que se adapta ó nivel do terreo. Sobre el érguese un pedestal ou basamento de pedra de feitura troncopiramidal, bastante erosionado e desgastado. Sobre  o pedestal levántase un fuste de sección ochavada con extremos cuadrangulares, comprendido entre unha basa moldurada superposta ó pedestal, e un capitel de sección cadrada con decoración de follas, a imitación dos antigos modelos de folla de acanto. Este capitel atópase desgastado e fracturado no remate superior, na transición coa cruz. 

O cruceiro de Maceda é moi semellante ó que había ó carón da igrexa parroquial de Santa Cristina de Orois, realizado polo mesmo artesán, e que foi substituído polo actual, por iniciativa do párroco e dos fregueses. 

Broz Rei recolle que o cruceiro de Maceda "foi cambiado de sitio ó facer a pista" e que vai a procesión ata el polo San Pedro e na festividade de San Lourenzo.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983

                                         "Etnografía de Melide". Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995

                                         "A Terra de Melide". Publicado no ano 2001

                                         "Novos cruceiros da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011

 

Outros elementos do catálogo