Muíño de Abaixo de Trasmundi
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Os dous muíños de Trasmundi, xunto ás súas pontellas e canles, constitúen un conxunto de arquitectura popular de alto interese etnográfico, á par de natural, situado no curso medio do río Catasol.
Existen dous pequenos muíños ou "rouchos", un para a moenda de trigo (Muíño de Arriba) e o outro para a moenda de millo (Muíño de Abaixo).
O Muíño de Abaixo é o máis pequeno dos dous, aínda que a súa arquitectura é bastante semellante ó de Arriba. Consta igualmente dunha edificación dunha soa planta realizada en aparello de cachotaría rústica moi ben disposta, aínda que un esquinal está refeito con bloques de formigón, o que afea algo á edificación ó igual que un engadido polo oeste, realizado neste caso en ladrillo e nun precario estado de conservación. O tellado do roucho disponse a dúas augas e vai cuberto con tella curva do país. A porta de acceso ó tremiñado sitúase na fachada norte, e nunha das súas xambas (a da dereita) poden verse gravadas cruces de protección para esconxurar meigallos que puidesen estragar a moenda.
Tamén no extremo norte disponse a canle de abastecemento de auga, de desenvolvemento moi alongado e disposta en ladeira, que remata nun pequeno pozo, que neste caso se corresponde cun ensanchamento da gabia, compartimentado e paredado, e do que parte unha canle en pendente para abastecemento de auga ó rodicio.
No interior do muíño (ou tremiñado) consérvase toda a maquinaria da moenda do millo, que aínda está en funcionamento, ó igual que no Muíño de Arriba (ou de trigo) o que lle outorga un interese engadido manifesto, posto que é dos poucos muíños existentes na comarca que segue en uso.
Na marxe sur da edificación pode verse o inferno que ven a ser o espazo que acolle ó rodicio, que está en perfecto estado de conservación posto que aínda está en funcionamento, e tamén a canle de saída das augas que vai desaugar no río Catasol.
Estes dous muíños foron construídos por Antonio Varela Espiño, e hoxe segue a moer Jesús Montero, un descendente en terceira xeración, que aínda continúa coa actividade para non deixar que se perda o oficio e a tradición familiar.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O Río Catasol". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.