Pontella das Fervenzas

Pontella das Fervenzas

Información

Tipo: 
Ponte
Acceso a pé: 
Malo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Toques - Santa Mariña de Brañas
Situación detallada: 
As Fervenzas
Cronoloxía: 
Inderterminada

Coordenadas

Latitude: 
42º 59´ 42,94´´ N
Lonxitude: 
7º 56´ 52,62´´ W
X: 
585.756,35
Y: 
4.760.825,62
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A pouca distancia augas abaixo da caída das Fervenzas de Brañas, nunha fermosa paraxe de bosque autóctono de ribeira, no que destacan árbores caducifolias de bo porte, orlando un treito de río encaixado e abrupto, atópase unha pequena pontella ou pontiga de arquitectura sinxela. 

O río correspóndese co Furelos no seu curso alto, onde se lle chama o río das Fervenzas, e á altura do muíño do Estreito (situado entre as Fervenzas e Paradela), é coñecido co nome dese muíño. 

Para chegar ata a pontella é preciso descender por unha ladeira de pronunciada pendente e con acceso dificultoso. E aínda, a pesar da dificultade de chegar ata ela, non foi obstáculo para atoparnos con refugallos e residuos preto do leito do río, entre os que se atopa unha carretilla enferruxada e restos de espuma de recheos de sofás.

A pontiga garda a esencia das vellas pontes concibidas para o acesso a rouchos (muíños de pequeno porte), nas que prima a solidez e estabilidade respecto a outros condicionantes estéticos. A arquitectura da mesma é moi elemental, por estar constituída por uns estribos de apoio conformados por grandes pedras situadas transversalmente ó río, que serven de apoio dunha gran laxe de pedra que fai as veces de taboleiro, laxe que se atopa bastante declinada, tanto cara á marxe esquerda do río como cara á caída da fervenza. Este tipo de pontella normalmente acostuma a carecer de peitorís (debido á estreitura das mesmas) e tamén de varandas de madeira.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no ano 2011.

Outros elementos do catálogo