Pontella en Tarrío
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
No lugar de Tarrío discorren dous regos que alimentan e lle aportan caudais ó río Catasol, sendo regos de caudais permanentes que contribúen á formación do río, que se orixina ó sur da aldea de Vilaverde, unha vez que recibe as augas do rego dos Pasos e do rego Alvariño ou rego de Santa Mariña. Precisamente á altura de Tarrío discorre o rego dos Pasos, que nace nas proximidades dos Condes xa en terras de Boimorto, ademais doutro rego, do que descoñecemos o nome e situado pola banda oeste da aldea de Tarrío, co que nos atopamos seguindo polo camiño que dende o Pazo se dirixe á Cortiñela, unha vez atravesada a estrada AC-840.
Unha vez que deixado atrás o Pazo e xa chegando ó rego nos atopamos a man dereita (norte), cunha paraxe de grande beleza paisaxística, nunha paraxe de bosque de ribeira de arborado autóctono que poderiamos definir como bucólica. Atopámonos cun rego de trazado serpenteante e caudais en movemento, no que se artellaron solucións de uso e de optimización, tal é o caso de estruturas de carácter hidráulico, como poden ser unha rústica pontella de pedra executada de xeito sinxelo, empregando como taboleiro unha pedra grande de cantería que se corresponde coa xamba dunha porta, que se apoia sobre uns estribos sobreelevados realizados con grandes pedras postas de canto.
Dentro tamén, e no propio cauce, vemos outro tipo de estruturas de “humanización” concibidas para aproveitamento das augas, tal é o caso dunha calella ou rego embocada mediante dúas pedras dispostas en paralelo e de canto, ou tamén dunha pedra inclinada disposta na marxe dereita do río unha vez rebasada a pontella, para ser empregada como pedra de lavar.
Entre os recursos naturais destaca o arborado de ribeira ou tamén a existencia dun exemplar espectacular da familia dos fieitos.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: “O río Catasol”. Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.