Cruceiro de Saamil
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
O cruceiro de Saamil é un dos máis singulares dos existentes na Terra de Melide, xa que é dos poucos cruceiros que non é parroquial, senón que foi erixido por mor dunha promesa, posto que ó parecer nese lugar finou un home e por iso ergueron o cruceiro na memoria do defunto.
O cruceiro ubícase no extremo dunha carballeira situada na entrada da aldea de Saamil, é sabido que é da autoría de José Torres “o Cambote”, canteiro que tamén realiza o cruceiro parroquial de Santiago de Vilouriz, situado o lado da igrexa.
Broz Rei recolle algúns aspectos biográficos sobre o autor: “...Xosé Torres, “o Cambote”, chamado así porque viñera da Terra de Camba; foi quen fixo os cruceiros de Vilouriz e o de Saamil... O Xosé de Torres, o Cambote, ademais de bo ferreiro, aínda era mellor canteiro, músico de acordeón e clarinete, que facía conxunto con Ánxel Maña, de San Xiao, coñecido por Agustín, que era o nome de seu pai, Agustín de San Xiao... E con estes dous, outro artesán, Xosé Varela Varela, da Fraga de Vilamor, músico de tambor, bombo, frauta e clarinete...”
O cruceiro de Saamil na actualidade atópase bastante descoidado, aínda que destaca pola feitura e equilibrio das súas formas, tratándose dun cruceiro de execución esmerada á par de sinxelo. Aséntase sobre dúas gradas sobre as que descansa un pedestal de forma troncopiramidal. O fuste ou varal, é un dos elementos mellor executado, que conta con sección cadrada con estrías lonxitudinais desenvoltas en paralelo ás caras ou ángulos externos. Na parte superior forma un estreitamento ou entallado sesgando as arestas dos ángulos. Sobre o mesmo disponse o capitel de perfil moldurado e a cruz lisa, carente de figuración, de sección rectangular e con palmetas a xeito de apéndice na zona de intersección dos dous paus. A cruz aparece rematada por un último apéndice a modo de coroamento.
Ó carón do cruceiro atópanse dúas laudas sepulcrais, fora de contexto, que probablemente proveñan dos veciño camposantos parroquiais de Santiago de Vilouriz ou de San Estevo de Vilamor, como hipóteses máis plausibles, a que a aldea de Saamil atópase nas proximidades destas dúas freguesías, aínda que tamén a pouca distancia se ubica a igrexa de San Xiao do Monte.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no ano 2011.