Pontellas de Arriba

Pontellas de Arriba

Información

Tipo: 
Ponte
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Toques - Santa Mariña de Brañas
Situación detallada: 
Arriba, Brañas
Cronoloxía: 
Século XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 59´ 56,87´´ N
Lonxitude: 
7º 56´ 42,54´´ W
X: 
585.980,54
Y: 
4.761.258,14
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

No curso alto do río Furelos ou río Grande, a tan só 80 metros augas abaixo da formación do mesmo, pola unión do rego de Porto Salgueiro e do rego da Salgueira, existe unha paraxe fluvial de indubidable valor paisaxístico e patrimonial. Nese punto no que abunda o arborado de bosque de ribeira (salgueiros e ameneiros) en conxunción con especies frondosas caducifolias (carballos e castiñeiros), existen dúas pontellas tradicionais xusto por debaixo dun represamento artificial do río, concibido como elemento necesario para poder derivar parte do curso e servir de punto de partida dunha canle de abastecemento hidráulico para un roucho (pequeno muíño dunha soa moa), de feito existen tres rouchos augas arriba do muíño das Fervenzas.

Como xa se indicou, xusto por baixo desa tosta existen dúas pontellas de pedra tradicionais, cada unha concibida para poder atravesar o río e a canle do muíño, e que se desenvolven nun único eixo direccional por formar parte dun camiño antigo que dende a aldea de Arriba serve de acceso ás terras situadas na marxe esquerda do río, e que atravesando zonas de monte se chega ata a aldea de Prados (na parroquia de Paradela).

A continuación das pontellas, o río vai dividido en dous ramais por causa da vertebración intencionada para constituir a canle para o muíño, e nese espazo intermedio formouse unha extensa ínsua artificial (duns 8000 metros cadrados) de forma rilada, de superficie totalmente aplanada e carente de vexetación arbórea. 

A maior das pontigas sitúase sobre o curso do río, na marxe dereita ou oeste, acadando unha lonxitude de 17,40 metros, incluíndo os estribos de arrinque. Conta cun ancho comprendido entre 1,80-2,30 metros e acada unha altura máxima de 1,50 metros. Esta pontella está artellada en dous tramos que descansan nos estribos e nunha cepa corrida central de cachotaría rústica. Os taboleiros de ambos tramos consisten en senllos apareamentos de lousas de tendencia aplanada de grandes dimensións, estando unha delas desplazada e movida na actualidade, restándolle estabilidade á plataforma de paso. Xusto no inicio da pontella, según se ven polo camiño que parte da aldea de Arriba, existe unha pedra que forma parte do estribo de apoio, que presenta uns sucos ou rebaixes trazados en sucesión paralela e dispostas en sentido perpendicular ó desenvolvemento do camiño e da pontella, que podería tratarse de rebaixes intencionados concibidos para servir de elemento de agarre e tracción para animais de carga.

A segunda das pontellas sitúase contra a marxe oposta, e resposta ás mesmas características construtivas, coa salvedade de que unicamente se artella nun so tramo e que en cez de ser dúas al chantas postas de par para formar o taboleiro, neste caso cóntase con tres. As dimensión desta pontiga son de 6,40 metros de longo, un ancho comprendido entre 1,60-2,10 metros. A altura máxima é de 1,20 metros. 

Sinalar que en ambos casos carecen de peitorís e de varandas, e que se corresponden cunha tipoloxía de pontellas moi frecuente na Terra de Melide, que soen estar vinculadas on camiños de carros ou tamén coa existencia de rouchos e muíños.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no ano 2011.

Outros elementos do catálogo