Muíño de Frade ou de Penas

Muíño de Frade ou de Penas

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María de Melide
Situación detallada: 
Lugar Ponte de Penas
Cronoloxía: 
Século XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 40,09´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 28,33´´ W
X: 
578.262,84
Y: 
4.751.392,45
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na marxe dereita do río Catasol (afluente do Furelos) atópase o Muíño de Frade ou de Penas, a medio camiño entre as aldeas da Ponte de Penas e a de Penas. No propio río, ó carón do muíño e a unha distancia duns 15 m. ó Norleste atópase a vella ponte de Penas, conformada por grandes chantas de pedra dispostas en ringleira.

O muíño presenta un óptimo estado de conservación no que se refire á súa estrutura exterior, e tamén en bo estado está a maquinaria interna. Trátase dun muíño de maquía construído no ano 1934. Segundo recolle Xosé Manuel Broz Rei este muíño de Penas é coñecido tamén como muíño de Berardo, “onde foi muiñeiro moitos anos o mudo de Frade”.

O muíño destaca principalmente polo seu complexo sistema de abastecemento, consistente nunha canle de grande desenvolvemento (de 140 metros de lonxitude) con varios sistemas de apozamento e derivación das augas para usos de regadío. Xa chegando ó muíño a canle ensánchase progresivamente a xeito de corgo, dando lugar a unha bifurcación para accionado dos rodicios existentes.

A propia edificación do muíño consiste nun módulo de planta rectangular, cuberto a dúas augas con tellado de recente execución, que nun dos seus extremos conserva unha cheminea de cemento con decoración de molduras e apliques con taqueados e cuns remates de pináculos nos seus extremos superiores.

Na porta principal, a que da á pista, pode verse un sistema de nidais para pombas, realizado en madeira, cun sistema de dobre balcón e tres pares de ocos a xeito de acceso en cada un deles. Na mesma fachada ábrense tres xanelas a diferencia da traseira que tan só conta con dúas abertas sobre a vertical da entrada de augas ó rodicio.

A uns 100 metros augas abaixo deste muíño atopámonos cun muíño máis antigo, coñecido como Muíño dos Frades, onde o que hai un sistema de pasais de pedra dispostas para atravesar o río, moi semellante ós pasais de Petos existentes no río Furelos, augas arriba da praia fluvial do mesmo nome.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: “O río Catasol”. Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.

Outros elementos do catálogo