Vestixios arqueolóxicos na rúa Galicia
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
No ano 2017 a empresa Nedgia-Galicia (Grupo Naturgy) inicia as obras de implantación da rede de Gas Natural en Melide e, a partir dos traballos de control arqueolóxico intensivo da apertura das gabias para a instalación das tubaxes, vaise completando o coñecemento que se tiña sobre a realidade arqueolóxica agochada no subsolo das rúas da vila. Certamente son moitos os vestixios que foron saído á luz nas rúas do Ensanche de Melide (Galicia, Taboada Roca e Florentino Cuevillas) e tamén no Cantón de San Roque, Avenida de Lugo e rúas transversais (do Sol, Monterroso e Bispo Varela Fondevila).
Un dos principais achados estruturais documéntase no verán do 2017 na Rúa Galicia, á altura dos números 6, 8 e 10. Correspndentes a unha grande superficie empedrada, correspondente a unha estrutura de pavimentación. Tamén nesa mesma rúa aparecen restos dos alicerces da cerca do antigo Nabal do Convento (á altura do número 16), e outros vestixios murarios de entidade, e de pavimentación, á altura do do nº 7 da Rúa Taboada Roca. Todas esas estruturas asócianse á antiga propiedade produtiva, de servidume e de labor do antigo convento franciscano, da Orde Terceira, exclaustrado e suprimido no ano 1835 por mor da Desamortización de Mendizábal, que contaba con dous amplos nabais rodeados por unha cerca elevada, para confinar a propiedade.
Á altura deses inmobles da rúa Galicia, saíu á luz un tramo moi amplo dun pavimento empedrado, a unha profundidade comprendida entre os 50-70 cm, podéndose documentar nada menos que uns 14 metros do mesmo (en sentido norte-sur) e uns 6,80 metros (en sentido leste-oeste), sabéndose que aínda continúan baixo calzada e beirarrúas varios metros máis de extensión.
Trátase dun pavimento moi ben conservado, relizado con pedra rústica de pequeno e mediano tamaño, habendo algunhas grandes intercaladas polo medio. A pedra que conforma o aparello é a típica que caracteriza ó horizonte xeolóxico de Melide, de rochas ultrabásicas, con fragmentación en arestas vivas. O feito demostrado de que as pedras empregadas na execución do pavimento presenten os bordes moi rodados indica un desgaste moi acusado, debido a un uso reiterado, e á permanencia á intemperie durante un longo espacio temporal. A disposición das pedras do conglomerado do campo central ou interior é bastante anárquica, aínda que están perfectamente ben trabadas entre sí. Mais as pedras do bordo ou remate meridional (identificadas na apertura dunha gabia perpendicular para acometida do gas para o número 8) contan cun maior porte e calidade, coa superficie plana e con aliñación ou careado cara o exterior. Durante os traballos arqueolóxicos puido documentarse como o chan empedrado descansa directamente sobre un horizonte arxiloso natural, identificado coma un Horizonte B, previo ós horizontes xeolóxicos de rocha.
A cronoloxía estimada deste amplo pavimento habería que levala, nun principio, ós séculos da Idade Moderna (XVI-XVIII), coñecéndose que estivo en uso ata o século XX (a xulgar polos materiais localizados xusto enriba do mesmo).
Pode ser que probablemente permañecese un tempo á intemperie despois de acontecidada a Desamortización de Mendizábal, cando os frades marchan da vila (ano 1835), unha vez que o a propiedade do nabal foi vendida por parcelas, a xulgar polos datos aportados polo estudio estratigráfico e dos materias identificados.
Compre agradecer a boa dispoñibilidade de Gas Natural (empresa promotora das obras de acometida da rede de gas), polas facilidades e interese por querer dar a coñecer o que aparece por mor deses traballos, posto que entenden que a localización de restos arqueolóxicos na execución das obras que levan a cabo, debe ter un proveito público e social.
Tamén son de agradecer as informacións dos arqueólogos responsables de dito control, da empresa de Simón Pena Basso, arqueólogo director dos traballos de control e seguimento arqueolóxico das obras de implantación do subministro de gas canalizado.
BIBLIOGRAFÍA:
- Pena Basso, Simón; Castro Paredes, Inmaculada; Broz Rodrígue, Xurxo: "Achados de estruturas arqueolóxicas nas rúas do ensanche de Melide: principais resultados dos traballos de control arqueolóxico das obras de instalación da rede de Gas Natural", publicado no Boletín nº 30 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2017.
- Pena Basso, Simón; Castro Paredes Inmaculada; Broz Rodríguez, Xurxo: "Novos achados de estruturas arqueolóxicas identificados nas obras do Gas Natural en Melide. que agochan as nosas rúas", publicado no Boletín nº 31 do Centro de Estudios Melidenses- Museo da Terra de Melide, ano 2018.