Casa de Don Vicente

Casa de Don Vicente

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Melide
Situación detallada: 
Barrio de Don Vicente
Cronoloxía: 
Década de 1950

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 24,08´´N
Lonxitude: 
8º 1´ 2,28´´ W
X: 
580.219,67
Y: 
4.750.921,13
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A casa-chalet de Don Vicente é xunto co de Sierra, situado este enfronte ó albergue público de peregrinos na rúa San Antonio, os dous únicos exemplos de chalets racionalistas existentes na vila de Melide, polo que son modelos moi representativos de ese estilo tan versátil como funcional, do que existen abondosas mostras de edificacións de vivendas particulares (de un ou varios andares), así como o inmoble do vello Cine Capitol (estilo no que tamén fora construído o Cine Madrid-París). 

A casa do Barrio de Don Vicente foi vivenda particular de Vicente Corral, alcumado "Peito de lobo", quen promove a edificación do barrio que leva o seu nome, nuns solares nos que anteriormente existían corrais e galiñeiros da súa propiedade. O barrio caracterízase por ter edificacións pequenas e de planta baixa e polo seu trazado urbanístico igualmente racionalista, consistente en rúas lineais propias dun trazado pseudoortogonal. Tamén existía no barrio un inmoble destinado a usos hosteleiros, no que se servían banquetes de boda e se celebraban algúns mítins políticos e charlas. 

O chalet do promotor intégrase nunha finca ampla cunha superficie duns 2800m2 , concretamente  no seu cadrante norocidental. Correspóndese cunha edificación de dúas alturas (baixo e primeira planta), cuberta a catro augas e de planta cadrangular. O inmoble foi construído cos mateirias propios da arquitectura desa corrente, é dicir, mediante tixolos, cemento e cemento armado (especie de formigón pobre).

Como característica definitoria desa corrente, tan propiamente funcional, a edificación carece de ornamentación ou decoración, posto que se aposta pola practicidade e polo equilibrio espacial e volumétrico. Neste caso o máis destacable é a galería voada, situada sobre un porche, que se desenvolven na fachada oriental (a que asoma á estrada de Agolada). Os demais vanos existentes nas restantes fachadas correspóndense a xanelas rectangulares dispostas en vertical, con carpintería de madeira, con barroteado en retícula para servir de marqueado do acristalamento.

Vemos por tanto como a pegada do estilo racionalista propio das décadas de Postguerra, resulta moi prolífica no desenvolvemento urbanístico da vila, pero ó mesmo tempo supuxo en moitos casos a demolición de arquitecturas tradicionais para apostar por estéticas e correntes "de modernidade".

Outros elementos do catálogo