Cruceiro de San Salvador de Abeancos
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Este cruceiro parroquial situábase orixinalmente nunha encrucillada nas inmediacións da igrexa parroquial de San Salvador de Abeancos. Mais foi cambiado de ubicación para a entrada do novo cemiterio, entre o muro de peche e a pista asfaltada que leva ata a aldea. O cambio de emprazamento produciuse a partir dos anos 80, sendo colocado dunha maneira bastante desvirtuada sobre dúas moas de muíño, o que se traduce nunha apariencia anómala. Con todo trátase dun cruceiro harmónico en canto a proporcións e equilibrio compositivo, á par de estar provisto dunha boa feitura técnica, que o emparenta tipolóxicamente con exemplos situados noutras parroquias do Concello: Cruceiros de Santa María de Melide, Santa María de Campos e San Cosme de Abeancos, que Xosé Manuel Broz agrupa dentro dunha mesma tipoloxía (que el clasifica como "Tipoloxía C"), e que se realizan a finais do século XVIII e inicios do XIX, aínda que manteñen pautas propias dos estilos Renacentista e Barroco, producidos en séculos anteriores.
Este cruceiro, ao igual que outros moitos desta comarca artéllase en catro partes ou elementos: basa ou pedestal, fuste ou vara, capitel e cruz.
A basa, hoxe asentada sobre pedras de muíño, presenta forma troncopiramidal, no que se representan diversos atributos da paixón, moi erosionados, dificilmente perceptibles por ese feito e tamén por estar completamente colonizado por liques.
O fuste ou vara é de deseño renacentista, provisto de estrías lonxitudinais, complementadas por boceis na metade inferior, evocando aqueles modelos producidos en séculos anteriores.
O capitel é dun estilo derivado do composto, no que aparecen anxos de medio corpo e alados situados entre as volutas dos extremos.
A cruz correspóndese co elemento máis destacado, posto que está figurada en ambas caras. No anverso, mirando cara ó norte (ou cara á pista), aparece unha representación dun Cristo crucificado en baixorrelevo, coa cabeza ladeada cara á dereita e sobre el unha cartela cos extremos enrolados a modo de pergameo, na que orixinalmente aparecería o acrónimo INRI. No reverso aparece plasmada a Virxe na súa advocación da Inmaculada Concepción, coas mans en actitude orante. Sobre a imaxe inscribiuse o emblema mariano consistente nunha cruz sobre pedestal triangular ó que se lle superpón un M maiúsculo. No traveseiro da cruz gravouse a inscrición "Sin pecado original". Mais na actualidade ditos caracteres resultan practicamente ilexibles debido a factores erosivos e á proliferaciñon de liques.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.