Conxunto de hórreos na Graña-O Meire

Conxunto de hórreos na Graña-O Meire

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro do Meire
Situación detallada: 
A Graña
Cronoloxía: 
Finais século XIX-principios século XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 16,06´´ N
Lonxitude: 
7º 56´ 59,18´´ W
X: 
585.735,27
Y: 
4.750.740,36
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea da Graña atopamos nunha eira un conxunto de tres hórreos tradicionais dunha soa estrema, dispostos formando un arco en sentido Leste-Oeste, e comprendidos nun espazo de 15 mt. lineais.

Respostan os tres ó modelo máis común da Terra de Melide, que Broz Rei clasifica dentro dunha tipoloxía que agrupa "os que se compoñen de columnas de pedra e madeira nos laterais. Son os máis abundantes, e poderíase dicir que é o -hórreo de Melide-. A cronoloxía dátase entre fins do século XIX e principios do século XX​". 

Por desgraza é dos poucos conxuntos de hórreos que se conservan nesta comarca, posto que moitos foron desfeitos xa que os propietarios consideraban que xa non valían para nada, e que mesmo lles podía supoñer ter que pagar impostos por eles. Con todo, este é un exemplo de hórreos de pequeno porte, que por necesidades de expansión recórrese á construción de pequenas unidades e non á ampliación das existentes, que moitas veces resulta imposible pola configuración do espazo da eira.

Estes hórreos aparecen sobreelevados como soe ser habitual, dous deles situados sobre cepas corridas de cachotaría, e o do medio sobre piares tamén de cachote. Os tres respostan ó mesmo modelo, con pes de perfís moldurados, de canteiría de granito, sobre os que descansan os tornarratos. As cámaras contan con ucheiras ou columnas de canteiría e mesas, contracolumnas e ladeiros (balagustos) realizados en madeira sen pintar. A estrutura de remate consiste nunha armadura de madeira a dúas augas cuberta con tella tradicional, que se facía nas tellerias de Furelos, O Leboreiro e Piñor, con barro que se extraía na Gándara da Madanela (estas barreiras son hoxe lagoas artificiais).

Nos tres casos as portas están orientadas cara o Leste, ás que se accede mediante os chanzos de pedra integrados nas cepas de pedra mamposta.

Sinalar tamén que ningún deles conta con cruz, pináculo ou veleta de coroamento dos cumios.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Fraga García, Ramón: "Notoas etnolingüísticas da Terra de Melide (VI)". Publicado no Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2016.

 

Outros elementos do catálogo